03 Dec 2011

Crise no BNG e na UPG. Para o futuro: Gadis ou o BNG?

11:44H

Ningún momento do BNG foi máis decisivo que este. Aplaudo a Pérez Bouza e a quen vai nesa dirección valente. E, por certo, para sair adiante non será o millor porse a axustar contas dos últimos 30 anos, nin de Beiras, nin de Camilo, Quintana ou quen queiramos. Unha tentanción tan querida e que levaría ao nacionalismo á ruína histórica e á UPG, coma tantas veces dende hai 50 anos á xestión da ruina. A U hoxe fuxe da responsabiidade que ten e ten a responsbiildade que quixo ter: desputou dirixir en solitario o Bloque e agora ten toda a responsabilidade. E ven de hai tempo (vid. Santiago e Ferrol), e para facelo foi deixando cadáveres, como cando era un partido minoritario nos 70/80 e sen responsabilidades, pero agora os cadáveres son lexión e isto vai camiño de ser un cementerio.

O BNG xa gobernou – a UPG tamén, xaora!- e ten que aspirar a volver facelo. Iso é o que quere a xente. Quere ter unha organización útil como no pasado, que a defenda da crise, que o una nu proxecto de futuro nacional, que faga avanzar o país, que nos faga sentir o orgullo de sermos galegos -cousa na que agora parece ter sido substituída por Gadis. De que xente se trata , de quen a levou a onde o chegou ? Se non é util a eses 400.000 votantes que tivo e aspira a mais o BNG non será útil. E se os perde mesmo cara a abstención é porque xa non o ven útil. É tan dificil de entender?

Por que abandonan os votantes ata un chan que non baixa máis polo de agora pero dende un teito ao que custará voltar? Esa é a pregunta que se plantexa Pérez Bouza pero tamén Pita en Ferrol e non sei se Rei en Pontedeume, puidera ser, pero o hermetismo (agora máis parecido á omertá) por muito que pensen que é lealdade, non deixa ver máis. A lealdade, por certo, é co país e en política coa xente, non coa organización cando non é útil. E hai que esar mui cegos ou perdios na retórica vangardista para non ver a perda de utilidade que a xente, o pobo, as clases populares, as traballadoras, os galegos e as galegas, ven e demostran cara o BNG.

Teito e solo. O BNG coñece o teito pero non o solo. Parece andar polo 11% pero só se manterá aí se despois da asemble anon se produce a dssbandada, abandono, desafección de centos de afiliados e cargos como o propio Pérez Bouza, Tereixa Táboa e tantos máis,, con cargos ou sen cargos, cadros ou afiliados. Como aconteza iso o 8% será todo un logro para quen fique aí. Sábeno tamén na UPG, parvos non son, pero por algunha razón seguen na dirección incorrecta, persistindo no erro e defendéndose a si mesmos e a súa posición. Cantos o saben e que están dispostos a facer non o sabe ninguén pero o de Ferrol amosa que poden seguir o mesmo camiño na U que no BNG: marchar para a casa. Reaccionarán na U? pensar saben facer política tamén pero ou teñen dificultades ou non saben rebelarse contra as súas propias inercias, carautas e tarmpantoxos. Ata os pensadores católicos recomendaron a rebelión, o tiranicidio e o rexicidio contra o mal goberno… no renacemento eran máis avanzados políticamente que agora, ao que se ve,….

E logo está a historia dos éxitos e a súa xestión. De crer á U e aos que acreditan nela… todo se debe a eles por iso agora están entre salvando ao BNG e cobrando os réditos do seu traballo. Foron un aparato competente e souberon facelo ben para o BNG. Hoxe é imposible decir o mesmo. o seu relato glorioso e autocompracente (“sen a U non habería BNG, din tantos amigos) esquecen a lóxica da cooperación, da xenerosidade e da intelixencia de tantos patriotas e tantas organización que confluiron no BNG: Inzar, PNG déronlle a victoria ao BNg no nacionalismo e o grupo parlamentar e co PSG-EG, só despois desta última integración, chegaron os deputados en MAdrid, a subida exponencial no parlamento galego e o eurodeputado. E a U foi xestioniando e dixerindo esos éxitos ao seu favor sempre coa xenerosidade dos demais ata que entrou en pánico -cando o goberno e despois del sobre todo- e dicidíu asumir todo o control, do aparato, das listas e do aires para respirar.

Xenerosidade e cooperación de organizacións e tamén de persoas. A agudeza política de Beiras e o seu proxecto común, a súa capacidade de representar a nación posible; a solidez programática e xenerosidade democrática de Camilo e a súa capacidade para abrirse á sociedade como nacionalista, que continuou co pragamatismo de experimentado alcalde de Quintana, coa aposta patriótica de González Mariñas, coa intelixencia e a entrega de Suso Veiga para construir a esquerda en Galicia, e de muitísimos/as máis, importantes, coñecidos, descoñecidos….

A crise é un momento seminal, un punto de partida máis que un punto final. Marx explicouno e o marxismo aproveitouno na acción ao longo de 150 anos. Queda pouco para reaccionar con patriotismo e xenerosidade. O presente de crise e un futuro ben incerto vai obrigar a ellixir, Teremos que elixir entre vivir como galegos de Gadis -que non está mal- ou como galegos de Castelao. Se non fose polo nacionalismo non existiría ese anuncio que tanto gusta a todo o mundo. A política e a propaganda poden enganar e autoenganarse na procura de votos, mesmo poden desprecialos por non concienciados (dito por un deputado dende o atril na última asamblea nacional) pero a publicidade non engana porque busca mercados para vender productos. Enganarse é un luxo que non se poden permitir: viven do que venden e venden país porque o hai. Os que cobran do país e da organización, os políticos profesionais, son os que se poden autoenganar. Os que se están enganando. Tamén os que seguen axustándose vellas contas cando o país xa non está en 1980 e dúas xeracións non saben -NPI- de que falan. Necesitamos que reaccionen, sexan da U, da M ou do farrapo de gaita. Que reaccionen xa se cren o que din. O futuro será duro con eles se non o fan. Muito. Serán materia de erudición baleira de seminarios especializados onde se explicará “cando se fodeu Galicia!” (Antón Vargas, dixit)

Tags: , , , ,

25 Nov 2011

Laudamuco, Señor do nacionalismo

23:59H

Opresente do BNG lese na obra do inesquecible Vidal
Bolaño. A historia dun rei que fica sen reino nin súbditos, «inmerso no
labirinto da súa vida… do seu desexo de manter unha sorte de realidade falsa»,
escribiu A. Simón cando a súa montaxe do 2003, na que fai protagonista, non ao
rei feudal, senón ao servo e ao servilismo «disfrazado de dereito ao pragmatismo
para lograr obxectivos particulares». A muller do servo é a revolta, a
esperanza, a conexión coa realidade. O que queda de pobo.

 

O BNG, construído por un feixe de organizacións
fracasadas como proxectos, converteuse na materialización máis exitosa do
galeguismo político nos 165 anos transcorridos dende a súa fundación en 1846 por
Faraldo e os seus románticos compañeiros. Hoxe está en trance, perdendo
efectivos de cada vez que se desviaron por camiños diversos. Este país granítico
é lento e cauteloso, como o novo presidente do Goberno, galego de nación queiran
ou non. A súa organización máis característica tarda en reaccionar, na lóxica do
país, mentres na compoñente comunista, sobordada dende 1989, a construción da
derrota obxectiva dende a razón subxectiva parece unha meta. Pero o BNG reúne
todo o galeguismo que considera como principio ter forzas políticas propias, nun
abano que vai da esquerda non comunista, mesmo a liberal, ata os leninistas. Só
lle queda reaxir de vez.

 

Hoxe o BNG está esgazado entre os que se alegran de
non perder apoios de máis, pese aos 30.000 votos menos, e os que querendo
atallar a sangría falan con moitas voces ou calan. Cargos e afiliados orfos de
razóns. Fóra están milleiros de votantes desconcertados e moitos outros -o
dobre- que foron deixando de votar BNG. A un político profesional xa non se lle
pide que faga a revolución pero si diagnósticos e análises serias para mellorar
unha tendencia iniciada hai dez anos que conduce á marxinalidade a prazo lento
pero fixo. Pero o galeguismo coñece, ou debe ler, Laudamuco, señor de ningures.

 

Na política democrática non serve a
especialización. Os que non se dedican profesionalmente á política, os que non
viven da política, mesmo os que nin están afiliados, están concernidos. Sempre
nas eleccións, pero máis aínda cando, como acontece agora, toda unha cultura
política, unha tradición histórica, está en trance. Co futuro do nacionalismo
xógase o futuro do país na súa forma actual. Sen o nacionalismo como proxecto
histórico de 150 anos, non habería idea de nación nin conciencia nacional, nin
chegaría a construírse unha Caixa Galicia (que xa non existe) nin un banco dos
galegos (que tampouco), nin teriamos unha autonomía histórica (en derribo), nin
unha cultura nacional que nos identificase, nin se falaría galego dende hai
décadas. Non pode deixárselle a responsabilidade a profesionais irresponsábeis..
Na democracia a política non pode ser cousa de elites nin vangardas. E cousa de
quen se sente concernido, e o nacionalismo implica á nación.

Tags: , , ,

21 Nov 2011

Máis dereita, menos bipartidismo, ningunha novidade

20:24H

Os inquéritos atinaron, agás co PSOE, a súa caída foi máis dura da que esperaban os que querían salvar vos mobles -e as peores sondaxes-. O triunfo do PP non chegou a ser «absoluto» porque uns cantos partidos serviron de refuxio, pero foi tan rotundo que non terá escusas para empezar a arranxar a situación. Tiña que gañar. ¿Imaxinamos ou contrafactual de que non gañase Rajoy? O Psoe e o Goberno aceptaron esa vitoria hai muitos meses e traballaron para que se producira… sen «absolutismo». Os «mercados» alentábana, as organizacións empresariais celebrárona por anticipado e a dereita bunkerizada non perdoaría menos dunha maioría absoluta; do contrario aparecería un partido de extrema dereita con muito apoio mediático en só uns meses.
Non Estado medrou o nacionalismo catalán de dereitas -sobardando os inquéritos-; o vasco terá dous grupos parlamentarios, os canarios milloraron votos, o Bloc Valenciá logra escano con Equo. Medra tamén o pluralismo na esquerda, con EU e mesmo cunha españolista UPyD convertidas ambas en voto refuxio do electorado socialista que nunca votaría PP.
En Galicia, ou BNG saíu -igual que o aparato do PSOE- a conservar e, igual que os socialistas, perdeu: os de Rubalcaba, moitos deputados; o BNG, unha oportunidade de avanzar como a esquerda e os nacionalistas non conxunto do Estado.
Os deputados do BNG releitos fixeron unha magnífica campaña, a imaxe de campaña foi tan boa coma adoita ser sempre. Jorquera alentou o voto falando de democracia, autogoberno e traballo, na millor tradición dun discurso que asinarían Beiras, Nogueira ou Quintana. Mais a dirección política do BNG non estivo á altura dos tempos e, como o aparato do PSOE, optou por asegurar. Furtóuselle o alento aos votantes.

Tags: , , ,

14 Xuñ 2011

O legado de Jorge Semprún

1:07H

O legado de Jorge Semprún

Finou a memoria española do holocausto…”do proceso industrial, salvaxemente racionalizado, do exterminio nas cámaras de gas” como el mesmo lle chamou. A persoa que uníu a memoria do antifascismo e do antifranquismo na forza do superpivinte do exterminio nazi. De quen coincidíu no campo de concentración de Buchenwald con Maurice Halbwachs, sociólogo de Annales pioneiro nos estudos sobre a memoria, creador dos conceptos de memoria colectiva e memoria histórica, ao que víu morrer pouco antes da liberación do campo en 1945 e de quen asumíu un legado intelectual nesa dura convivencia.
Para recordar a súa experiencia nos campos nazis e a de compañeiros como Manuel Azaustre (neste caso preso en Mathaussen, co que convive na clandestinidade madrileña en 1950-60) asume a responsabilidade como intelectual de literaturizar a experiencia e convertila en memoria histórica y por iso empeza a escribir El largo viaje, (e así o conta na Autobiografía de Federico Sánchez). Quixo ser a voz dos que viviran como el o horror dos campos e a iso adicou un bon feixe de obras que parecían francesas e antifascitas ata que acabou entendéndose que tamén falaban da derrota da República española e do franquismo.
Semprún é quen lle da contido, forza e continuidade á esa idea difusa de memoria histórica. El é quen enlaza o antifranquismo republicano co antifascismo europeo e ao concepto de Holbwachs co fenómeno da memoria histórica que coñecemos nos últimos 15 anos no Estado español. Unha forza que procede precisamente da memoria española del holocausto á que Semprún dalle contido literario, unindo a experiencia republicana e antifranquista á resistencia antifascista europea. Esa idea de memoria histórica de Semprún viaxou dende os anos sesenta e setenta, atravesando a transición política e a vontade social de pasar a páxina do pasado incómodo, ata hoxe.
Home da esquerda europea, crítico precoz do comunismo estalinista. Ser indignado e enragé na súa xuventude levouno á Resistencia comunista francesa contra o nazismo.

Tags: ,

29 Mai 2011

¿Acabouse o impulso da transición?

22:45H

N os últimos tempos hai indicios de que o impulso fundacional da transición está a rematar. Consensos básicos entre os partidos, a idea mesma de como se exerce a representación política, de cal que é o rol dos políticos e o dos cidadáns ou mesmo a propia estrutura de partidos, parecen empezar a estar en cuestión. A lenta fin de ETA estaría na mesma liña. A mobilización das prazas evidentemente é minoritaria pero significativa do que pensan e expresan núcleos de cidadáns activos e interesados na política. Neste momento é un sinal máis de que se esgota o modelo creado na transición. Trinta anos son moitos e os trinta e cinco transcorridos dende o inicio da reforma política que fraguou este presente son demasiados para que non se produzan mudanzas polo simple paso do tempo, a incorporación de dúas novas xeracións á vida social máis a conxuntura dunha crise que o remexe todo. Isto que está pasando nunca pasou e os novos comportamentos dos indignados poden anunciar algo novo aínda que non temos nin idea de que pode ser.

Da transición fica en cambio, nesta reacción das prazas, unha memoria duradeira e aceptada: a da mobilización como instrumento para mudar as cousas. Unha memoria e un repertorio da acción que xa non se identifica só coa esquerda. A acción da ocupación das prazas é máis recente e está vinculado á defensa dos valores democráticos e os dereitos humanos. Vímolo este ano nos países árabes, pero ven da praza Wenceslao de Praga ou de Tiananmen en Beijin en 1989 e, se imos máis atrás, das nais da praza de Maio na Arxentina. Ese é o imaxinario dos que ocupan as prazas, ademais do 68 e as mobilizacións da transición á democracia na que foron educados por seus país. Aos que por certo parecen recoñecerlle menos autoridade que aos avós, auténticos líderes intelectuais desta mobilización. Outra novidade, pois é que os vellos tamén teñen un papel neste asunto. E non só aquí. Parte dos promotores do Foro Social Mundial están por riba dos 70 anos.

O resultado das eleccións non nega este diagnóstico senón que o confirma. Os descontentos co sistema bipartidista, coa corrupción, co hermetismo do sistema político son sobre todo mozos cos que o sistema non se identifica. O cabreo dos cidadáns interesados na política pero alonxados dela polos profesionais da política manifestouse o día 22. Pode que iso limitase algo aínda o triunfo do PP e favorecese unha tímida pluralización coa irrupción de forzas minoritarias novas e vellas en todo o Estado, de UPyD a Bildu. Tamén IU subiu aínda que apenas puido capitalizar o descontento co PSOE, igual que un BNG que presentou a súa fasquía máis sindical contra a crise.

O voto nulo, o voto en branco subiron nas cidades e apareceron un feixe de opcións novas que non acadaron representación. E tamén triunfaron formas novas de facer política? e nalgunhas vilas alcaldes mozos lograron maiorías absolutas e que votara o 75%. Cos votos nas eleccións, como nas prazas, non sabemos ben que pasa pero si sabemos por que pasa.

Tags: , ,

27 Mai 2011

Sobre as políticas de I+D do PP e as furgonetas de Andorra

11:17H

Fora dara gracia que ten que nos fixeran mirar para os audis e agora vexamos como o diñeiro das subvencións se larga en furgonetas para Andorra, o asunto é que este goberno se cargou as políticas de I+D dignas de tal nome, 1) porque non sabía que facer con elas: levan doua nos a repartilas entre educación e economía ; 2) porque lle parecían excesivas para Galicia: así o afirman repetidamente, aínda onte no parlamento; 3) porque para unha parte do empresariado galego I+D significa subvención e punto: como eu mesmo lles escoitei a varios na presentación dun Plano de I+D na época de Fraga e 4) e, o peor de todo, porque non as entenden, nin atenden a quen as coñece e xestionaba: desmantelaron as estructuras administrativas e os recursos funcionariais dos últimos 20 anos ollo!, non os do bipartito… por iso Manolo Barreiro fala hoxe con criterio que Feijoo nos devolve á preautonomía.

E iso -non saber que facer con tantos recursos de I+D dos que se podía dispor- foi o que deu lugar a isto: concentraron os recursos no IGAPE e convertíronos en subvencións, outra parte (nomeadamente dos europeos) simplemente perdéronos por non saber xestionalos, outros nin os deron solicitado. Se encima non coñecen á administración, cousa que están demostrando a diario, e aínda por riba hai algún “listillo”, que tivo que habelo, “os empresarios de confianza” aprovéitánse. En fin, nada que non contara xa E. Zola para o II imperio francés.

E hoxe que acontece? Pois, indo ao conto, que despois de dous anos de brillante xestión do PP, temos empresarios usando fraudulentamente subvencións para sair dunha crise que non poden xestionar, cun goberno que non sabe xestionar e, por outro lado, desapareceron unha parte dos programas de investigación autonómicos e, sobre todo, os programas de recursos humanos para dar saída a uns 500 investigadores magnificamente formados que podían nutrir empresas que fagan de verdade I+D, centros tecnolóxicos, laboratorios e departamentos das universidades. Investigadores que foron contratados nunha boa parte con cargo a eses fondos nos últimos 5-8 anos e que están millorando o nivel de competitividade e de competencia. Este cambio brutal de política que detraeu fondos dos recursos humanos para darllo a empresarios que fan o que este parece que fixo pode impedir que ese medio milleiro de investigadores nutra o futuro do coñecemento en galicia. Onte no Parlamento, o Director xeral de I+D reafirmou que non ía continuar cos programa Colmeiro e Parga Pondal (este xa era da época de Fraga) o Angeles Alvariño xa o eliminaron este ano e do Barreto non se sabe. A austeridade é unha pantalla e unha desculpa para ocultar a ausencia de ideas ou para executar as poucas (e vellas) que teñen, como é o caso. A conclusión cada vez máis clara: nos están desmantelando o país e imos ter que facer o que di hoxe Julián Hernandez.

Tags: ,

26 Mai 2011

A novísima dereita e nós, de M. Barreiro.

14:50H

O de M. Barreiro é un libro necesario presentámolo hoxe A. Baamonde e eu en Santiago e máñá en Bertamiráns H.Monteagudo e queren en Ribadeo en Rianxo… Unha promo como merece. Un libro cheo de análisis oportunos que fai pensar: por que o bipartito perdeu as eleccións? por que as gañou o PP de Feixoo que traballaba en clave de pular a Raxoi cara a Moncloa e non aspiraba de feito a Monte Pío? en que consiste o dominio desta nova  dereita en Galicia? Como inflúen os medios de comunicación? por que perdemos medios e espazos: Vieiros, A nosa Terra, axiña A Nasa? por que esa vocación suicida? como superar de vez a sindrome de 1989? por que pese aos desastres sucesivos algúns dirixentes do PSOE e o BNG se empeñan en seguir salvándonos? Non é un libro dun “explicólogo” senon dun intelectual político que se plantexa problemas e da pistas para obter respostas. Que fai pensar, que permite entender algo sobre o 15-M e que anunciou que podía pasar o 22-M.

Fai pensar pero tamén explica cousas, claro. Por exemplo como a austeridade do PP é unha forma de ocultar a falla de proxecto. Unha benzón. Como o único proxecto, coherente co anterior, é desmantelador, o desmantelamento do I+B, do I+D.  Como a dereita ensaia en Galicia o desmantelamento do Estado, non do do benestar senón do Estado: todo gasto público é un dispendio, a función pública é unha fraude (e os funcioanarios uns mandarrias), a libertade é o único motor e principio de goberno, a autonomía é pouco funcional e non permite facer nada… e ademais non hai alternativa….

E muitas cousas máis, lédeo, lédeo buceade nel, no o leades de pe a pa…. escollei porque de todo tiraredes proveito. Non é como o cocho, pero case… no aproveitamento, enténdese.

Tags: , ,

18 Mai 2011

Lois Pereiro actual

14:49H
Este día das Letras pasará á Historia. Adicándollo a Lois Pereiro adiantouse unha xeración respeito dos que o propuxeron e varias respeito do que era habitual. Coido que o resultado foi inesperado para ben e reconcilia o presente coas (L)letras (G)galegas. Teño a sensación de que houbo unha explosión coa que non se contaba cando se escolleu ao autor.
Por iso hai tanta disfunción nos actos de hoxe ou diso falan as primieras crónicas en twiter. Gostei do documental e estou gostando do que vexo arredor de Lois Pereiro que era para min un descoñecido rodeado de coñecidos e, sobre todo, doado de identificar co meu mesmo tempo.
Benvidas estas letras galegas contemporáneas, próximas… Decíame hoxe un bo amigo que agora o reto vai ser a quen se lle adica o Día das Letras do ano que ven para manter o ritmo e mesmo estar á altura…. ocórrenseme varios pero dou unha idea: Ernesto Guerra da Cal…
Boa noite

Tags: , ,

08 Abr 2011

Que hai de novo na Historia dos países árabes?

14:48H

Pode que teñamos que ser os historiadores quen nos empeñemos en amosar que hai de novo no presente, vistas as reaccións políticas e o debate público ao que asistimos a propósito da onda democratizadora que percorre os países árabes. Tendemos a coñecer a nosa pequena historia e descoñecer a deles, pero só dende a compresión do pasado liberador e mobilizador desas sociedades poderemos entender o que pasa e, sobre todo, ilustrar o que podemos facer, dende as nosas sociedades occidentais, democráticas, benestantes e benpensantes, para non entorpecer a construción das súas democracias. Sempre que un presente imprevisto nos asombra botamos man do pasado e decote as respostas son vellas de máis.

Nestes días todas as reaccións respecto da resolución 1973 da ONU para a intervención en Libia están condicionadas polo que sabemos do pasado sen reparar en que hai realmente de novo no que está a acontecer nos países árabes, do Atlántico ao mar Caspio. É certo que asistimos a unha continuidade do vello grande xogo inaugurado polo Imperio británico, agora arredor do petróleo e o gas; tamén son coñecidas as ansias imperiais e as necesidades neocolonais das economías occidentais, e sobran antecedentes -por acción e omisión- para teimar sobre as dúbidas da intervención promovida pola ONU. Pero entre tantas seguridades ditadas polo que cremos saber do pasado hai moitas cousas novas, moita necesidade de observar ese pasado con outros ollos para entender o que acontece. Novas foron a revolución democrática tunesina e a exipcia nas súas formas e na súa -provisoria- resolución. Foi asombroso o rápido triunfo dos demócratas contra as ditaduras que sufrían e que semella que acabamos de descubrir. Pero non son tan novas as ansias democráticas destes países, que xa tiveron constitucións liberais no século XIX e que viron repetidamente freadas esas ansias dende Occidente en alianza coas súas elites locais por intereses económicos e estratéxicos: o último, facer de tapón á inmigración e seguir subministrando petróleo barato, asunto no que axudou a pantasma do islamismo ubicuo.

Tampouco eran novas as ansias de democracia no Estado español hai trinta e cinco anos, por moito que, despois de corenta de ditadura, houbera voces internas e externas que alertaran sobre a nosa falta de preparación para a democracia. Outras voces, dende olladas coloniais, vinculaban a situación política ditatorial ao atraso atávico propio dun país de campesiños e nobres, dominado pola relixión e a ignorancia. Así eramos retratados e así ven moitos aos países árabes que claman pola democracia. Eles vense como nos viamos nós: desexosos de ter o que teñen os demais e preparados para logralo. Esta revolta non nace do atraso senón do progreso, non da ignorancia senón do coñecemento, da conciencia de inxustiza e do rexeitamento da corrupción, de saber que nada os fai diferentes ás sociedades da outra banda do Mediterráneo. Nestes días, o pasado tamén é o amargo recordo, como dixo Ed Miliban no Parlamento británico, de que as democracias europeas non axudaron á República española en 1936. ¿Por que lle viría iso á cabeza?

Tags:

08 Abr 2011

A democracia nos países árabes

14:46H

http://www.lavozdegalicia.es/opinion/2011/04/07/0003_201104G7P16993.htm

Tags:

 Page 3 of 4 « 1  2  3  4 »

Proxecto de investigación Nomes e Voces

Coñece a web do proxecto: un espazo deseñado para facilitar o acceso á investigación da Historia actual especializada en información sobre a guerra civil e a represión franquista en Galicia. Convidásmote a que coñezas o noso traballo e as nosas pescudas. http://nomesevoces.net
Nomes e voces