28 Xuñ 2013

O fracaso da Universidade privada en España

1:52H

N estes días en que se discute se un 5 é un 5 ou ten que ser un 6,5, desafiando todo o que estudamos, ao que estamos asistindo en realidade é a constatación do fracaso dos intentos por facer callar en España unha boa universidade privada, competitiva, de calidade docente e investigadora e atractiva para as familias. Un empeño despregado sen éxito nos últimos vinte anos e que a crise actual ven acabar de coutar por moito tempo. De aí o empeño en regular a pública ata extremos ridículos como o do 5 que, sendo xa hoxe 5,5 de mérito engadido, queren converter en 6,5 para acceder a unha bolsa.

Porque nas universidades privadas españolas, agás as dúas clásicas, nalgunhas das súas titulacións, tamén clásicas, só se gradúan os que non teñen outro remedio. A saber, os que non teñen a nota requirida para entrar nas universidades públicas na titulación desexada ou quen só precisan o título para acceder a un traballo que xa lles agarda cando empezan a carreira. ¿Non si? Xa que logo, compre determinar as condicións da pública e darlle unha nova volta. De aí os argumentos falaces repetidos como mantras: o máis común ese de que ningunha universidade española está entre as «mellores do mundo», que é cara para os resultados que da ou que compre pular a excelencia.

A esa constatación débese tamén o empeño de Wert e a súa cohorte en confundir os tres principios básicos: igualdade, mérito e capacidade, para quedarse só cos dous últimos. O clasismo do seu argumentario agocha en realidade unha derrota… a das universidades privadas, derrota no mercado que é onde máis lles doe aos paladíns do mercado libérrimo. A idea de que non todo o mundo pode estudar é sen embargo tan vella como o clasismo nas sociedades de clases contemporáneas, nas que o coñecemento é poder e unha vía de ascenso social que os de arriba non sempre queren partillar e menos cando hai menos que repartir. Ninguén nega xa que esta longa crise é estrutural e por iso ábrese un conflito para axustar as estruturas, tamén as sociais, cara o futuro.

Volvendo ao argumento central, o fracaso da universidade privada española é tan evidente que incluso comunidades do PP como Madrid (oito universidades privadas por seis públicas), aínda crearon universidades a discreción, a Rey Juan Carlos (1996) e, sobre todo, a Universidad a Distancia de Madrid (2006), que imparte 15 graos e 27 mestrados. Esta última, con estatuto privado e que nestes días desprega unha grande campaña publicitaria nos medios, é en si mesma proba da rendibilidade da educación. Por certo, que entre os organismos duplicados que a nova lei de reforma da Administración propón eliminar non cita universidades coma esta, clonada da UNED e ocupando o mesmo territorio virtual e presencial na capital do Estado. Dende 1876, o pasado está cheo de fracasos de políticos enfrontados á universidade. ¡Que pouco aprenden! Entre as preguntas que quedan no aire, ¿ulo situaremos o profesorado o aprobado, no 5 ou no 6,5?

28 Mar 2013

Recortar non é gobernar ou o misterio dos 3 millóns

0:34H

Recortar o gasto público, non gastar os recursos dispoñibles e non ter ningunha iniciativa para aumentar os ingresos -nin para ningunha outra cousa, por certo- permite agochar a falta de ideas con aparente dignidade. A ausencia total de política, substituída por administración coa desculpa da crise, permite facer pasar desapercibida a auténtica política, ditada por intereses particulares e aínda por prexuízos ideolóxicos dunha minoría. A pasada semana, os tribunais -que non a oposición- tombaron un gasto de 3 millóns de euros para 5 colexios privados (600.000 cada un) dunha agrupación confesional que segrega aos alumnos por sexo, de xeito contrario á lexislación vixente; a mesma cantidade que terá que recortar este ano a máis pequena das universidades galegas, a mesma que permitía a gratuidade dos libros de texto a todas as familias… Eses 3 millóns de euros son, sobre todo, moito máis do que se aforra coa redución da axuda aos comedores escolares que o conselleiro anunciara, dramaticamente, o día antes da sentenza do tribunal, como única solución para administrar a súa consellería porque «¡as contas non dan!». Iso é o que a administración da miseria oculta: unha miseria que non é.

Aínda por riba, o recorte quérese facer pasar por xustiza social en tempo difíciles: ¡que paguen os que teñen e non paguen os que non teñen! Isto leva a preguntarse para que os impostos e para que os gobernos. A demagoxia e o populismo fanse así pedagoxía depredadora, fomentando a ignorancia fiscal nun país onde a tributación nunca gozou de simpatías. Outros argumentos contables esgrimidos polo conselleiro é mellor esquecelos -tendo en conta que deu clases de Economía- porque dificilmente pasarán o exame do seu votante máis fiel e do seu alumno menos avantaxado. O asunto ten miga moral engadida nesta semana, agora que o novo xerarca da confesión á que pertencen os colexios subvencionados, a cambio de que un montón de nenos queden sen comedor, é presentado como un grande amigo dos pobres ata no nome escollido. Os beneficiarios da subvención impugnada non poderán rezar coas mans dereitas polo novo papa sen lembrar que a súa subvención deixa sen comedor a tantos nenos de familias desfavorecidas.

Gobernar empeza por saber que se quere facer, e segue por dicilo. Nos comezos do liberalismo gobernar era garantir a liberdade de comercio, de expresión, de traballo, de asociación, de culto, dende a igualdade xurídica. Aló de onde ben o novo papa, gobernar era poboar de europeos unha terra baleira. Despois, para os demócratas, gobernar foi reformar, en favor das maiorías, o agro, as relacións laborais ou a educación. Máis tarde, garantir o benestar social da maioría da sociedade converteuse no modelo de goberno occidental. Agora, nesta fin da historia, gobernar é administrar o que a hai e dar grazas polo que temos, mentres nos asustan coa fin do que fomos logrando. Gobernar é ocupar a Administración para que non a ocupen outros que, por certo, tampouco parecen nada dispostos a ocupala. (22 de marzo de 2013)

Tags: , ,

08 Mar 2013

Miña tía Esther e Hugo Chavez

0:13H

Miña tía Esther, venezolana que militara no MAS, cando lle preguntei por Chavez como esperanza, aló ao comezo, contestoume rotunda: militar e golpista non pode ser demócrata. Despois da súa experiencia estáselle recoñecendo que reducíu os niveis de pobreza e fixo entrar no xogo democrático a unha grande parte dos expulsados e ignorados polo sistema político. Rachou tamén cunha etapa corrupta. E, o máis importante, non prescindíu do pluripartidismo, por muito que mudara leis a conveniencia cunha maioría aplastante que sempre superaba o 50% que non poucas levouno a trucar a lóxica do sistema democrático. Enfrontouse si, aos medios de comunicación poderosos igual que as empresas e corporacións. E puxo a riqueza petroleira, ao servizo das súas políticas en troques de facelo ao servizo de elites extractivas ou da corrupción anterior. A experiencia plantexa problemas, solucións e contradicións sobre as que compre relfexionar. Como di NuñezSeixas no seu Fb, a estética alónxanos. Tamén hoxe Boris Izaguirre, venezolano de pro, coincidía nisto hoxe mesmo na SER. E eu tamén coincido, pero a estética non é a ética, aínda que as formas crean escola, e máis en democracia. Populismo, mesianismo, personalismo forman parte desa estética política pero tamén das claves do seu éxito, falou na linguaxe que lle entenderon e demostrouno nas urnas. O que menos pode aceptarse e o a limitación das libertades dos demais e da igualdade de oportunidades dos seus competidores políticos mediante o trucaxe do sistema institucional. A cuestión e se os desposuídos entrarán no sistema político, económico, cultual e social de vez ou non abondou o seu tempo de “revolúción”. Aí se medirá iso que chaman o seu legado. Da para reflexinar máis que para rezarlle como el acostumaba facer nunha lóxica por certo tan popular alí como extrana aquí. Non nos deixou indiferentes pero a min tampuco nunca me deixou convencido.

Tags: ,

12 Feb 2013

De Torrejón a Alcorcón

17:35H

Se alguén esperaba outro modelo produtivo para saír desta crise que abandone toda esperanza. Se alguén supuña que a crise podería limpar o sistema económico español que o quite da cabeza. Por suposto se alguén imaxinaba que a economía do coñecemento, a cultura do esforzo e o desenvolvemento do I+D podían ser un instrumento de futuro que o esqueza polo de agora. Sol-praia, construción-inmobiliarias e financeiras segue sendo a trepia do pasado que se quere promocionar como suposta solución de futuro. Eurovegas ven confirmalo. Poden máis os intereses e a vontade de manter o poder que as ideas.
Unha parte da dereita española, a que parece agora dominante, ten un modelo ben definido e uns intereses concretos. Estámolos vendo nos pagos que se recollen na lista de Bárcenas pero eses intereses xa eran coñecidos e mesmo dignos de estudo por historiadores como G. Sánchez Recio e J. Tascón (Los empresarios de Franco) ou máis explicitamente por Moisés Llordén (La política de vivienda del régimen franquista: nacimiento y despegue de los grandes constructores y promotores inmobiliarios en España, 1939-1960). Sen necesidade de lembrarnos de don Juan March, a conexión entre certas orientacións políticas e certas formas de economía é de sobra coñecida. O pasado pesa tanto que mesmo quere definir o futuro, en vez de converterse en historia. Nun sistema democrático as empresas teñen intereses e traballan no mercado en función da súa regulación, pero non teñen ideoloxía como empresas, non deben tela ademais. Os empresarios si pero o diñeiro cos que algúns empresarios financian opcións políticas en España non é deles senón das empresas. Son os partidos os que teñen e defenden posicións ideolóxicas coas que pretenden gobernar para o interese xeral. Se as empresas financian aos partidos cos seus activos, prodúcese dumping político e empresarial, dime con bo criterio un bo amigo economista de ampla experiencia política.
Por se non abondaba coas nosas traemos as empresas norteamericanas do xogo. A obsesión polo amigo americano nesta dereita ven de lonxe, de 1953 para ser exactos, cando foi salvación do réxime franquista. O abrazo de Eisenhower a Franco en 1959 foi a guinda, porque o amigo americano sempre é republicano. Daquela foron Torrejón con avións e Rota con barcos, Zaragoza, Morón…, e hoxe é Alcorcón… coas ruletas dun empresario que é o máximo contribuínte aos candidatos republicanos. Daquela o réxime vendeu a soberanía a cambio da súa mesma supervivencia e hoxe para intentar reactivar as bases da economía madrileña baseada na trepia citada (sen praia, claro). Os postos de traballo son coma sempre o argumento que o explica todo. Non deixa de ser curioso que os máximos defensores da libertade de mercado estean dispostos a mudar con decisións políticas a lóxica do mercado. O vello intervencionismo do franquismo que analizan Llordén ou Sánchez Recio está máis vivo que nunca, mesmo polo que parece ata o punto de excepcionar as normas fiscais ou de saúde pública, pero agora vestido de liberalismo falso.

28 Dec 2012

Moderados e radicais na esquerda destes tempos

1:24H

Nesta etapa de crise que sendo económica faise social e que ven sendo tamén política, a esquerda en Galicia está en período de reconfiguración xunto co nacionalismo e neste proceso o vello e o novo non sempre se distinguen ben; tampouco o radical e o moderado. A crise é sempre confusión e por iso compre diagnosticala e pensala; asunto difícil cando aínda se está a desenvolver. Historia do presente chámanlle algúns colegas de profesión a ese complexo exercicio de pensar historicamente o presente, no que todos os esforzos son poucos.
Neste contexto xorden novas ideas, alternativas, propostas ou organizacións políticas novas, derivadas da lóxica dos tempos (AGE) e das necesidades actuais, algunhas propostas que estaban aletargadas ou viñan xestándose entre minorías toman carta de natureza (decrecemento) pero outras son vellas ideas da cultura política da esquerda, tan vellas como o mito da revolución ou algunhas das teimas da transición, traídas ás veces a este presente polos mesmos protagonistas de hai 35 anos ou polos ecos daqueles procesos pasados, tan fortes na nosa memoria social e familiar; na memoria en fin da esquerda galega actual.
Nesta época hai muito que reflexionar. Ata o de agora abundan as análises de conxuntura, sobre a estrutura política, sobre o sistema de partidos e a súa necesaria transformación e mesmo sobre a forma de militancia pero ven sendo tempo de principiar diagnósticos para análises capaces de propor alternativas. Que ao cabo é o que compre para encarar a saída da crise a prol da maioría dos cidadáns, en vez de en favor das minorías poderosas.
Nesta conxuntura, compre preguntarse, á vista dos novos discursos e das novas propostas, se a nova esquerda parlamentaria seguirá camiñando, como aínda parece, pola vía iniciada cando o foco foi posto aló polo 2009 nos audis, nos mobles do despacho de Touriño, nos mojitos da Habana, na foto allada de Quintana no iate dun constructor… e nos gastos excesivos da “clase política” que non é clase nin debe selo para a esquerda. Con este enfoque preferente a dereita atópase na súa salsa e unha vella cultura popular antipolítica e antipolíticos, asentada en antigas e diferentes bases -de certo anarquismo ao fascismo- e consolidada no franquismo, tamén. Un enfoque que é compatible coa chamada á rebelión cívica e á resistencia colectiva contra as políticas de recortes do público, restritivas de dereitos e privatizadoras. Cabe preguntarse iso ou se, ademais, a nova esquerda en construción encetará a vía de afrontar os problemas da crise e os excesos do capitalismo depredador. A dereita europea neoliberal, e a española de toda a vida, xa che lle puxo nome a iso: os excesos do estado do benestar que non pode manterse. A esquerda autodenominada anticapitalista polo de agora só chama a resistir e a outra, a de raíz socialdemócrata ou mesmo comunista –de nome-, só coñece unha fórmula keynessiana do pasado que non pode aplicarse porque aquelas condicións que a propiciaron xa pasaron.
Nesta nova xeira é tempo de decirlle á dereita que se quere aforrar e reducir o déficit pode empezar por parar a construción do AVE, esa obra faraónica que interesa máis ás construtoras e suministradoras de equipamentos que aos países polos que pasa. Esa carísima concepción aristocrática do transporte pensada só para trasladar persoas (executivas) e non mercadorías, nun país –o noso- que segue sen afrontar as súas necesidades de mobilidade por ferrocarril entre as sete cidades e co sur atlántico e o norte cantábrico, e depende case en exclusiva das estradas, autoestradas e do auto privado, xerando custes enerxéticos, públicos e privados insustentabeis. Pero estas propostas non pasaron aínda dos grupos ecoloxistas aos grupos parlamentares e o tempo apremia, especialmente para fornecer discursos con algo de miga. É tempo tamén de afrontar os excesos que a crise puxo ao descuberto, alén dos intereses localistas ou partidarios: por non falar das faraónicas obras valencianas, galegas ou madrileñas, de portos imponentes que ficaron sen operación urbanística complementaria, podemos falar de autovías perfectamente inútiles como a Santiago-Lugo coa que un auténtico ministro galego en Madrid quixo agasallar aos seus paisanos ou novas terminais aeroportuarias que en realidade son inmensos novos aparcadoiros con salas de espera enriba, ou dun continuado consumo do territorio nestas décadas de burburlla que degrada as capacidades agroganderias do territorio ou…
Neste novo século podemos empezar a reconsiderar o noso mito do atraso agrario, pola vía que aquí mesmo propuña X. C. Carreira de reparar en que a agricultura orgánica e realmente practicada no país é un sector de futuro en troques dun sector marxinal practicado por campesiños que como os sacos de patacas de Marx ou os rebeldes primitivos de Hobsbawm non están preparados –nin nunca o estarán- para situarse á altura dos auténticos revolucionarios cando se produza ese estalido social ou esa rebelión que ten que chegar antes que tarde. E podemos empezar a concebir as enormes capacidades que se derivan aínda do noso vello e exitoso complexo agrario galego (A. Bouhier, X. Balboa) para un futuro que debe ser sustentabel e no que os produtos alimentarios suben de prezo e aprezo. Por por só un exemplo que ven a conto.
Nestes tempos, en fin, hai certa confusión sobre o que é ou non radical, como é propio dun intre de convulsión no que aínda estamos a intentar comprender que é o que está pasando, en que consiste esta crise, cal é a súa dimensión rexional e planetaria e, sobre todo, como lograr que as saídas da crise beneficien á maioría social en troques de crear unha nova oligarquía aínda máis forte. Pero empeza a ser importante que as palabras se acompañen dos actos ou, mentres non se poida, polo menos de propostas alternativas e discursos novos, acaídos a estes tempos e, se aínda iso non é posibel, cando menos do intento de construílos. Vai sendo hora! O contrario é alimentar un discurso que a dereita aproveita para si e ao que lle ten collida a medida dende hai ben tempo. Rachar os discursos herdados e as inercias coñecidas para construír e propor alternativas esa é a tarefa máis radical do momento. Do contrario ficaremos compracidos na vella linguaxe agardando ata que escampe, mentres a dereita goberna para si, xaora.

Tags: , , , ,

30 Out 2012

A crise e a USC

21:54H

 

Neste contexto de crise xeral, a preocupante
situación da Universidade de Santiago de Compostela non pode agocharse máis
tempo. O Claustro celebrado o 2 de outubro pasado foi un punto de non retorno
que amosou as dúas caras da institución. A comunidade universitaria demostrou
máis unha vez a súa responsabilidade colectiva coa aprobación, por fin, dos
Estatutos e máis coa elección do novo Valedor. O mesmo Claustro, na mesma
sesión, rexeitou por segunda vez a programación plurianual presentada polo
reitor, distinguindo así entre a responsabilidade da institución e a do seu
goberno. De principio a fin da sesión constatouse un malestar xeralizado pola
falla de rumbo da equipa reitoral, despois dunha experiencia de 27 meses de
mandato, ao longo de dous cursos completos.

A proposta de programación rexeitada era
practicamente idéntica á refugada case un ano antes (decembro de 2011) que xa
fora presentada cun ano de retraso respecto da data obrigada. Nin unha nin a
outra reunía condicións, a ollos do máximo órgano universitario, para ser unha
guía de acción do goberno merecente de tal nome. Para alén diso, a institución
segue cos orzamentos prorrogados: os aprobados no inicio do mandato cunha marxe
de apoio do Claustro que o reitor non soubo aproveitar en positivo. Sen a
programación nin os orzamentos que a lei encomenda validar ao Claustro, mingua
a lexitimidade de exercicio para o goberno. Mais sendo isto preocupante non é
máis que a manifestación dun problema máis fondo, a ausencia de política
académica; agás en recursos humanos, onde se tentou prescindir duns (LRU ou
Parga Pondal) para procurar outros novos, sen garantías de que os novos
contratos poidan tramitarse: vense de suspender cautelarmente a última
convocatoria de prazas.

O paso das follas do calendario, acomodados na
política da inercia xa non da para máis despois de dous anos. Na deboura desta
crise devoradora, todo o camiño que non se avance é un camiño que se desanda. A
crise obriga a actuar para evitarmos ser devorados ou demediados como
institución. O mesmo día da celebración do Claustro enterámonos da morte dun
dos máis grandes historiadores do século XX, Eric J. Hobsbawm, que nos aprendeu
a identificar as crises e os momentos de cambio que se sucederon no século XX,
curto e de extremos. Unha significativa coincidencia.

A estas alturas, a ausencia de programación
plurianual, de orzamentos e, sobre todo, de criterio para dirixir a institución
pon en evidencia que o goberno da USC carece de rumbo e, o que é aínda máis
preocupante, de apoios para definilo. Non sabe onde vai. A institución necesita
dun rumbo para navegar no medio da crise, dunha rota que unifique á USC nunha
tarefa colectiva de futuro, en vez de esvarar pola pendente que leva
directamente á crise institucional. A comunidade universitaria expresouse no
Claustro e tamén como opinión pública e debe tomar a palabra para decir onde
quere ir neste intre de confusión e crise. A solución non pode ser engadir máis
crise á crise. Iso é o que está a acontecer. No Claustro do 2 de outubro, despois
de aprobárense as emendas de devolución da programación plurianual –na rolda de
rogos e preguntas- algúns claustrais preguntámoslle
máis unha vez ao reitor como ía afrontar a situación, rogámoslle que encetase un período de reflexión para dar solución a
unha situación institucional de máxima urxencia, que abrise conversas con todos
os sectores do claustro, con aqueles minoritarios que apoian a súa acción de
goberno e cos que non podemos apoiala. Como se demostra un Claustro trás outro,
a institución conta con todos para superar esta crise no medio da crise. En
beneficio do futuro da USC, confiemos que a leitura de E. J. Hobsbawm ilustre
ao Sr. reitor para recoñecer a situación e propiciar unha saída. Case un mes
máis tarde só sabemos que o tempo segue a pasar un día trás outro.

Tags: , ,

13 Xuñ 2012

Mestre Raxoi

19:04H

Lourenzo Fernández Prieto

Hai que
recoñecer a capacidade de Mariano Rajoy para a comunicación política. Esa
mistura de desapego e autoridade mundana combinada cun control dos tempos
funcionoulle na súa carreira política e, polo de agora, séguelle a funcionar. O
sábado á tarde ferveron minuto a minuto as redes sociais e os medios de
comunicación porque era o ministro e non o Presidente quen comparecía para
informar da resolución do eurogrupo sobre o rescate á banca española. Ninguén aforrou
críticas. A sensación de desconsideración acrecentábase porque para o domingo
seguía en axenda a súa presenza no partido da selección en Polonia, pese á
situación de emerxencia. Botou por diante ao ministro e coas críticas xa sustanciadas
compareceu ao día seguinte. O domingo saíu á palestra cunha grande expectación
e con grande satisfacción á hora da misa dominical. Confirmou o que xa se sabía
co seu ton e as súas propias palabras, repetiu os argumentos do ministro e as
cifras que xa eran coñecidas volatilizando as especulacións que ao minuto se
foran facendo o día anterior sobre o seu temor a dar a cara.

Nada novo. Non é
que amañe ren pero torea como ninguén os tempos e as situacións difíciles.
Lembremos o Prestige. Fraga, Cuíña e Alvarez Cascos ficaron tocados ou
afundidos con aquela peripecia. Rajoy compareceu falou dos “hilillos” e dos
técnicos pero fixo fronte ao temporal político e aí segue. Antes, cando a
defección dos conselleiros do Goberno Albor, na segunda lexislatura do
Parlamento galego, estreárase como vicepresidente con outra galerna. Daquela
aprendeu a fórmula e agora repite o guión, presentándose como o que afronta o
que outros deixaron estragar ou provocaron. Claro que para aparentar que
arranxa os desaguisados dos demais quédalle cada vez menos tempo porque pese á
súa mestría canto máis tempo pase menos poderá representar que afronta os erros
dos outros. Polo momento segue a conseguilo. A guinda foi marchar ao partido:
sinal inequívoco de que o asunto está arranxado. Ninguén sería tan
irresponsable. Non si?

Non deixa de me
lembrar a outro galego, tamén presidente do consello de ministros, chamado
Santiago Casares Quiroga, co que a historia foi ben inxusta precisamente por
intentar aparentar tranquilidade como fai Rajoy. Foi ao sair do Congreso dos
Deputados na tarde do 17 de xullo de 1936. Cando os xornalistas, alarmados
polas noticias sobre unha sublevación militar en Melilla preguntáronlle ao
respeito el respondeu retranqueiro: “se os militares érguense eu voume durmir”.
Pouco imaxinaba que aquilo provocaba a guerra civil nin que tería que dimitir
na noite seguinte. A súa experiencia en Gobernación e o previsible coñecemento
dos movementos insurreccionais levárono a intentar transmitir unha seguridade
que pasaría á historia como indolencia e ignorancia nos retratos que lle
fixeron os golpistas que gañaron a guerra pero tamén nos correlixionarios que
necesitaron explicar a súa propia falta de previsión. Aparentar tranquilidade
na ponte de mando do barco á deriva só funciona se non hai icebergs no mar.

 

Tags: , , ,

30 Mai 2012

Wert, universidades e democracia

10:21H

 

Lourenzo Fernández Prieto

            Impensable e inédito foi o plante dos reitores e reitoras ao ministro Wert no último consello
de universidades. O que pasou e por que foi explicado de sobra en todos os
medios e por todos os medios polos reitores e o propio ministro, quen ficou tan
chantado que non puido disimular o significado político da contundente resposta
universitaria. Pouco se reparou ao meu ver na actitude política que se deriva das
palabras do ministro cando dixo que “os reitores teñen que entender que nunha
democracia as leis e neste caso os decretos-lei os aproban os gobernos e os
convalidan os congresos”. Pode que estivese azorado ou agobiado nese momento
pero a concepción plebiscitaria que destila esta frase non pasa desapercibida.
Nada de sociedade aberta e complexa hai detrás desta idea, ren de conciliar,
dialogar e negociar con sectores, estamentos, corporacións ou asociacións
voluntarias de intereses, propias dos sistemas liberais e democráticos. De
feito reflicte unha cultura política que é moi propia da dereita –e non só-
española. Esa que concibe a democracia como un sistema no que votar constitúe
un plebiscito ocasional que outorga capacidade executiva absoluta aos
gobernantes. O que gaña aínda que sexa por un voto ten dereito a desenvolver o
seu programa, e os seus intereses, sen avisar, negociar nin modular. Unha
cultura que se estende a todos os ámbitos sociais e institucionais e que
converte a política democrática nun exercicio inútil.

            Non resulta extrana esta simpleza política por máis que resulte impropia dun
ministro da democracia. Non é extrana porque domina a cultura política española
dende hai xeracións. Foi precisamente a ditadura de Franco a primeira que
deseñou un sistema plebiscitario para reforzar por medio do referendo (Lei
Fundamental de outubro de 1945) a súa posición política nos agobiantes intres da
posguerra mundial cando, despois da derrota das ditaduras amigas, o réxime estivo
a piques de naufragar no ostracismo dos aliados. Inventouse daquela un sistema
superador das diatribas partidarias do liberalismo democrático, pero menos
rupturista que o nacionalsindicalismo ensaiado ata entón e máis adaptado aos
tempos da vitoria das democracias. O sistema logrou consolidarse por tres
décadas, creando unha forma de “democracia” plebiscitaria capaz de avalar
sucesivamente o réxime e a súa transformación: en 1947 co Referendo para Lei de
Sucesión, en 1964 co Referendo para a Lei Orgánica do Estado e aínda en 1976 no
da Reforma política. Lograr os votos para avalar sen freo o dominio político adoptouse
como regra inapelable. A distancia política da ditadura á democracia é tan
evidente que non merece comentarse, o mesmo que a diferencia que media entre
aquelas xeracións de actores políticos e as actuais, pero resulta sobradamente
contrastado que as culturas políticas dos estados non se improvisan por máis
que se creen e se recreen e a da vitoria electoral como patente de corso é a
que destilan as palabras do ministro. Supervivencia do pasado ou dependencia da
traxectoria.

Tags: , , ,

31 Xan 2012

As bases do trunfo da “U”

9:32H

Ademais da capacidade organizativa de que hoxe fala con precisión D. Sampedro na Voz, e máis dos erros organizativos dos alternativos, algunha cousa máis hai que ter en conta para explicalo e compre ir avanzando na análise. Deixando á parte razóns de memoria sentimental mui poderosa, das que haberá que falar. Ourtras tres son esenciais: centralismo democrático, silencio e autoaxuda.
Pola primeira, aplicación do centralismo democrático, logran que a posisións maioritarias nos organismos de dirección da U, que poden ser representativas de 500 dos seus 800? militantes (pero tamén só a 430 ou de menos porque nunca se expresan todos á vez, claro, senon cunha xerarquía piramidal) son defendidas, unha vez adoptadas, por todos de forma absoluta e militarmente disciplinada. Antes aínda, son os derrotados (os máis contrarios á medida adoptada) os que máis e primeiro deben defendela, porque niso se basa a unidade e a garantía de non traizón. Cando a decisión a toma o central da U, é a maioría dese órgano quen traslada aos 8.000 millitantes do BNg e aos 300.000 votantes a decisión.
Como o garanten: efectivamente coa disciplina militante dos cadros. Para iso é fundamental:
O silencio, tamén chamados de guasa Lei do silencio (E.Kazán) ou omertá (ver Wikipedia). Nunca os militantes da U, non digamos os dirixentes, trasladan nada dos debates internos, a non ser con muito secretismo, por muita confianza persoal, e as máis das veces seguindo a util táctica do rumor intersado ou filtración cara outros afiliados do BNG en círculos sucesivos de proximidade á U. Nunca para fóra. Aí chega xa trabucado o rumor no xogo orella a orella. O silencio é garantía de poder aplicar as tácticas decididas e funciona tan ben que ten com oefecto colateral que unha parte do BNG pase o tempo xogando -na lóxica do adxedrecista- a deducir que vai facer a U? Atinar nunca ten premio.
A autoaxuda é do máis importante, especialmente nesta conxuntura. Práctícase como en todo grupo humano con identidade e etica propia: como nas aldeas que xestionan comunais, nos grupos ou asociacións de veciños, nos grupos relixiosos, nos bos grupos de amigos, nas familias, en case todos os partidos que se precen. Garánteselle a colaboración o soporte a todos os militantes, en especial a aqueles que pasan por dificultades. Nunca abandonan a ninguén, nin siquera agora con este paro. Búscanlle solidariamente apoio aos seus e máis aos que están peor e teñen menos capacidade para sair adiante.
Por suposto estas non son todas as razóns que explican o seu éxito, o da U, muitas veces pírrico e sempre mui traballado. E por ir afondando no asunto. Tamén está a capadide para usar ben e como pantalla a xente magnífica que teñen, encantadora e boa a carta cabal, o seu vicitimismo antropolóxico e a capacidade para ser sempre os agredidos, enganados e traizoados… E por suposto, as incapacidades ou dificultades dos seus contrincantes. Pero podedes seguir…isto é unha obra colectiva.

Tags: ,

26 Xan 2012

Semana decisiva no BNG

0:45H

Lourenzo Fernández Prieto
Esta semana o BNG afronta o seu futuro nunha situación inédita, con dúas candidaturas para a Asemblea que presentan diagnósticos e liñas de acción contrastadas sobre que propor dende o nacionalismo á sociedade galega de 2012. Beiras e Aimerich agrupan ás diferentes correntes políticas que foron configurando ao BNG. Vázquez e Jorquera á UPG, a corrente central do galeguismo actual, a única que logrou ter continuidade organizativa dende os anos sesenta. Unha terceira opción, o MAS, configurouse como escisión e tamén aliada desta última. O inédito é a milimétrica segregación interna do Bloque, dun lado a opción orgánica da UPG e do outro todas as demais correntes e sensibilidades que despois das peripecias propias da negociación entre diferentes tradicións e persoas acordaron unha bases comúns.
A novidade deriva da emenda que a UPG formula contra si mesma e á súa traxectoria dende que con Beiras e grupos independentes fundaron o BNG hai trinta anos. Despois das últimas eleccións autonómicas o comité central da UPG optou por dirixir a organización en solitario e nestes dous anos emendou tres décadas. Agora, no texto da ponencia oficial que presentan á Asemblea pretenden sancionalo. No diagnóstico, na proposta e na acción liquidan o proxecto común que logrou reunir a todo o nacionalismo nos anos noventa: rectifican as clarificadoras conclusións da Asemblea de Ourense de 1998 en que se asentou o grande salto adiante nos gobernos municipais e o éxito nas europeas de 1999, o das xerais de 2000 ou o programa de goberno en 2005, ignoran mesmo o paso pola Xunta agás para lamentalo, repudian os sucesivos programas electorais concebidos para gobernar o país, os recentes manifestos dos alcaldes ou mesmo o discurso do candidato Jorquera na pasada campaña electoral.
Na súa corrección de erros a UPG propón para o Bloque un nacionalismo antiautonomista, antieuropeista, contrario a alianzas co PSOE –aínda que a práctica o desminta- e deseña convertelo nunha forza de resistencia que refusa ser alternativa de goberno. Deslinda para si uns “mínimos” do nacionalismo galego, considera na práctica que Galicia só existe nela e desconfía dunha sociedade que abandona ao PP. É a proposta de quen quere conformarse con ser conciencia crítica ou simple apoio ao sindicalismo, ao xeito de Izquierda Unida. Neste rol non pode sentirse representado o nacionalismo porque aspira a construír o país e sabe como facelo. Esta deriva é a que explica que se debuxe por unha banda a UPG e os seus aliados -que creron atopar así a mínima cohesión para manter o poder interno- e, por outro, o resto do BNG. Tamén explica a sorpresiva aparición de Beiras en primeira liña, de Nogueira e outros, a toque de arrebato, para ser o pau do palleiro do nacionalismo que quere futuro.

Tags: , , , ,

 Page 2 of 4 « 1  2  3  4 »

Proxecto de investigación Nomes e Voces

Coñece a web do proxecto: un espazo deseñado para facilitar o acceso á investigación da Historia actual especializada en información sobre a guerra civil e a represión franquista en Galicia. Convidásmote a que coñezas o noso traballo e as nosas pescudas. http://nomesevoces.net
Nomes e voces