O autor

Lourenzo Fernández Prieto (A Devesa-Ribadeo, 1961), é catedrático de Historia Contemporánea na USC desde 2005, especializado en historia agraria e do mundo rural. Coordinou varias publicacións como Terra e Progreso: historia agraria da Galicia contemporánea, Vigo, 2000, e ten colaborado en revistas e obras colectivas, onde mostrou diferentes traballos relacionados co mundo rural galego e a represión sociopolítica que lle afectou tras o golpe de estado de 1936, destacando neste aspecto “Agricultura, gandería e economía de guerra: novas orientacións de política agropecuaria para Galicia, 1936-1939″ en Grial, nº 100, 1988, p. 233-246, “Guerra civil e franquismo” no libro colectivo Nova historia de Galicia, A Coruña, 1996, “Represión franquista e desarticulación social en Galicia: a destrución da organización societaria campesiña, 1936-1942″ en Historia Social, 1994, Grial, nº 170, 2006 (monográfico dirixido por Lourenzo Fernández Prieto relativo á guerra civil e a represión franquista en Galicia). É autor entre outras publicacións de Labregos con Ciencia, Vigo, 1992; El apagón tecnológico del franquismo. Estado e innovación en la agricultura española del siglo XX, Valencia, 2007; Atraso económico nunha sociedade destruída y Dinamismo social e desenvolvemento económico, A Coruña, 2008 (Colección A gran historia de Galicia) ou Facendo Historia con memoria, Santiago de Compostela, 2009. Ten dirixido diferentes traballos de investigación relacionados coa construción da modernidade en Galicia e os movementos sociais (movemento obreiro, agrarismo). É membro do consello de redacción de diferentes revistas de investigación histórica e participou en numerosos congresos e coloquios da especialidade. Ademais de dirixir o Proxecto “Nomes e Voces”, é o investigador principal de varios proxectos que teñen como temática o franquismo: “A guerra Civil e o proceso de construción do réxime franquista en Galicia” e “La fuente oral como base para el estudio de la represión. El caso de la represión colonial francesa en Túnez y franquista en Galicia”.

Proxecto de investigación Nomes e Voces

Coñece a web do proxecto: un espazo deseñado para facilitar o acceso á investigación da Historia actual especializada en información sobre a guerra civil e a represión franquista en Galicia. Convidásmote a que coñezas o noso traballo e as nosas pescudas. http://nomesevoces.net
Nomes e voces