Saber galego. Usar galego

9 de Novembro, 2010, 11:13H · Temas: Artigos · Imprimir

Imaxe de http://www.mcshuibhne.com

«Ti voy dicir que cuando me tiraba al resbalillo por el arribón bajé a todo filispín y el tojo no me dejó ver el pelouro en el que peté. Unos chonis que hacían boreo por el carrero me preguntaron si tenía un tirizó en el ojo porque me hinchó como un pésigo. ¡Oístes! no te cuento más nada porque voy comprar un brus para mi madre?» . Así era a convivencia entre galego, castelán e inglés nos barrios de Ferrol nos anos sesenta. Esta forma de falar perdeuse pola extensión da educación e porque na escola apréndenlle o galego aos nenos dende hai unha xeración. Diso se trataba. Por iso tamén queriamos o galego na escola e a escola en galego: para distinguir que falamos. Por iso se implantou o sistema que hoxe temos neste paisiño, onde a inmensa maioría da poboación falaba galego hai trinta anos, incluídos os que o falaban mal traducido ao castelán e mesmo con incrustacións de galinglish ( filispín , chonis , brus ).

Hoxe en día, entre os rapaces dos barrios seguramente non se fala moito galego, en todo caso máis que nos anos sesenta, cando falalo era parecer da aldea da que chegaran os pais uns anos antes. A educación e o galego na escola, máis unhas pingas de autoestima, foron as que reduciron a diglosia. Esta Galicia non é aquela Galicia pero as frustracións xeracionais ou transxeracionais, o autoodio acumulado, a falta de autoestima, a sensación de atraso ou a vergonza porque se note o acento segue desigualmente repartida entre os que cren que se pode ser galego «en el mal sentido de la palabra». Pero son poucos os que ven o galego como unha vergoña, aínda que algúns queiran facer política de patio de veciños con este asunto aproveitando a quen segue crendo que a cultura propia é unha limitación ou aos que só se recoñecen no que outros din deles, especialmente cando é negativo.

Aprendeuse o galego na escola pero non se usa máis socialmente. Esta é a outra realidade de vinte e cinco anos de normalización baseada na ensinanza. O debate provocado agora con este asunto vén de tirar dúas vendas, aos que se descansaban en que o galego se ensinaba na escola e aos que pensaron que ir contra o galego daba votos. Estes últimos aprenderán que os gobernos democráticos teñen obriga de garantir a cohesión en vez de promover e estender o conflito civil. O galego volve ser a lingua da liberdade pero ademais haberá que pensar civicamente en como reintegralo en idioma de uso social ordinario de Galicia máis aló das obrigas públicas, que mal non fan pero que xa non dan máis de si.

O do inglés, tal como se formula, é un conto chinés. Aprender inglés xa o aprendemos cando temos que facelo dende hai douscentos anos. Aprendeuno Juana de Vega no exilio londiniense e aprendérono os mariñeiros ou os emigrantes, xaora. Se queremos un sistema educativo público que garanta a súa aprendizaxe só temos que favorecer que o profesorado de inglés faga ben o seu traballo. En fin, que contra o que afirmaba o meu admirado Alcalá, nin o toxo naceu porque o quixera Deus. Houbo que plantalo ¡e moito traballo deu!

Tags: , ,

Deixa un comentario

O teu email non será publicado. A imaxe nos teus comentarios collea de Gravatar
Inclúe http://
Nota: algo de XHTML está permitido.

Suscribirte por RSS a estes comentarios

Proxecto de investigación Nomes e Voces

Coñece a web do proxecto: un espazo deseñado para facilitar o acceso á investigación da Historia actual especializada en información sobre a guerra civil e a represión franquista en Galicia. Convidásmote a que coñezas o noso traballo e as nosas pescudas. http://nomesevoces.net
Nomes e voces