Campus de excelencia internacional en Galicia

23 de Novembro, 2010, 22:26H · Temas: Artigos, Universidade · Imprimir

Galicia reúne o 6% da poboación do Estado español, as universidades galegas representan o 4% de todas as españolas, públicas e privadas, e o 6% das públicas, pero xa sumamos o 10% dos campus de excelencia. Isto ten algún significado de percorrido e máis de presente, e o que teña de futuro dependerá do valor que a este asunto lle dean a sociedade e os poderes públicos. Que o Campus Vida o ano pasado e o Campus do Mar hai uns días lograran a etiqueta de campus de excelencia internacional en competencia coas outras universidades españolas é o recoñecemento de que os seus proxectos e as súas calidades acumuladas poden convertelos en campus competitivos internacionais no 2015. Quere dicir que están en condicións de competir para convertérense en polos de excelencia internacional en ambos campos co arrastre que terá para o conxunto universitario e o medio produtivo e social do país. A aposta polos proxectos liderados por Santiago e Vigo ten un enorme significado para o país que non debe pasar desapercibido.

En PIB per cápita estamos por debaixo da media española e no posto 15 entre 19 comunidades. As Starting Grants son un recente e moi competitivo programa da Unión Europea para financiar proxectos de investigadores novos cunha dotación entre 1 e 2 millóns de euros. España é o quinto Estado da UE en número de concesións na última convocatoria, e internamente, despois de Cataluña (9), Madrid (6) e País Vasco (3), Galicia con dúas é a mellor situada. Pódense seguir sinalando indicadores que definen a boa posición das universidades galegas e do sistema de ciencia e innovación con que contamos, dende a modestia dun pequeno país europeo pero tamén coa capacidade dun país europeo que quere e apostou por selo. Estes datos significan que Galicia apostou pola ciencia e a innovación e polas súas universidades nos últimos trinta anos, moi especialmente dende a construción da autonomía, e non se fixo mal. Son dos que pensan que cómpre saber de que podemos estar orgullosos colectivamente e este é un deses asuntos. Podemos dicir que as universidades galegas constitúen un importante capital acumulado que está rendendo xa os seus beneficios, pero para facelas render máis hai que recoñecer o papel que cumpren.

As universidades terán que facer os seus deberes para seguir no camiño emprendido, mais cumprir o obxectivo tamén depende de que se manteña a aposta política e social dos últimos trinta anos. Nese contexto enmárcase un financiamento das universidades sobre o que se observan grandes sombras (redúcese non menos dun 10% respecto do 2009) que aínda son maiores no ámbito do I+D. Os efectos do apoio público á investigación e á educación como piares do desenvolvemento só poden apreciarse a longo prazo. Por iso paréceme importante a opinión dun dos grandes expertos na historia do cambio tecnolóxico, o historiador Joel Mokyr da Northwestern University (Illinois-Estados Unidos), quen recentemente lembraba que un goberno ineficiente paraliza a innovación tecnolóxica, ligando a eficiencia dos gobernos á súa visión para priorizar este campo.

Publicado en La Voz de Galicia.

Tags: , ,

Deixa un comentario

O teu email non será publicado. A imaxe nos teus comentarios collea de Gravatar
Inclúe http://
Nota: algo de XHTML está permitido.

Suscribirte por RSS a estes comentarios

Proxecto de investigación Nomes e Voces

Coñece a web do proxecto: un espazo deseñado para facilitar o acceso á investigación da Historia actual especializada en información sobre a guerra civil e a represión franquista en Galicia. Convidásmote a que coñezas o noso traballo e as nosas pescudas. http://nomesevoces.net
Nomes e voces