Sol de Catalunya

9 de Novembro, 2010, 16:04H · Temas: Artigos · Imprimir

Castellers en Catalunya

Cataluña maniféstase o sábado como nación contra a relectura restritiva que o Tribunal Constitucional español fai do seu Estatut e o domingo celebra, como fixo ao longo do mundial, o triunfo da selección española. O asombro dalgúns, afeitos ás identidades unívocas, contrapostas e excluíntes, non é para tanto. Primeiro porque, como dixo o presidente do Barça, cando para celebralo puxo a bandeira española coa do seu equipo: isto é deporte, non política. España é un equipo para os afeccionados e para a maioría. O gracioso empeño destes días, que chega ao ridículo nalgúns medios mesetarios en papel, cable ou ondas, de converter o deporte nunha cruzada imperial causa risa aínda que o seu doutrinarismo españolista e ranciamente franquista dea un pouco de medo. Parafraseando a un poeta de sentido contrario: se as súa voces valeran a pistola doutros, poríannos a marcar o paso da oca rojigualda «ipso facto» que dirían Roberto Alcázar e Pedrín.

Volvendo ao conto, a coincidencia temporal de ambos eventos ten un interesante valor de demostración sobre o carácter pragmático do nacionalismo catalán, propio da súa ampla expresión popular, cívica e política, e ademais, como é de sobra coñecido, referendado tradicionalmente polo mundo empresarial e burgués. Tendo en conta ese pragmatismo, como non ían celebrar daquela o que chaman uns o triunfo de Espanya e outros o do Barçanya, pola destacada presenza de tantos xogadores do Barça, cataláns ou non, na selección. Pensando en Galicia o primeiro que chama a atención é a ausencia de galegos entre os 22 xogadores seleccionados. Di un bo amigo, experto nisto, que algo debemos estar facendo mal tamén no fútbol, ese deporte rei ao que tanta afección hai neste país dende hai máis de cen anos.

O catalanismo asume as identidades compartidas ata onde é posible, cando é posible e, por suposto, cando lle favorece. Son eles os que, retóricas á parte, se empeñan en convivir no Estado español porque evidentemente é máis doado, nesta altura e conxuntura, que iniciar calquera proceso de secesión. Pero do mesmo xeito que asumen a complexidade identitaria do mundo actual tamén dan a entender, e esa é a lectura da manifestación, que teñen claras as súas lealdades primordiais e saben que dirección tomar se lles obrigan a elixir.

Que diferenza entre o nacionalismo catalán e o galego actualmente dominante, empeñado en facer ver o que non é para que pareza o que é. Fronte a pragmatismo rigorismo, fronte a catalanismo cívico estendido empeño nunha vangarda que -aparentemente- non dá cuartel e semella precisar lexionarios como os do Padre Maziel e o secretismo do Opus. Agora non saben como apoñérselle a esta marea, nin sequera os forofos do fútbol, que os hai. Que esa é outra, ¡olla que aquí hai afección! Tanta que na Eurocopa do 84 asombrábame de como o amigo citado celebraba cos seus colegas da UPG os triunfos do equipo español e lamentaban a derrota final. Tíñano claro: gustáballes o fútbol. Asumir identidades múltiples é doado. Por certo, a máxima proliferación de seleccións nacionais ou autonómicas coincide no tempo co triunfo do equipo español.

Tags: ,

2 comentarios → Deixa un comentario

  1. 1 Lourenzo Novembro 9th, 2010 16:04H

    Probando comentarios

Deixa un comentario

O teu email non será publicado. A imaxe nos teus comentarios collea de Gravatar
Inclúe http://
Nota: algo de XHTML está permitido.

Suscribirte por RSS a estes comentarios

Proxecto de investigación Nomes e Voces

Coñece a web do proxecto: un espazo deseñado para facilitar o acceso á investigación da Historia actual especializada en información sobre a guerra civil e a represión franquista en Galicia. Convidásmote a que coñezas o noso traballo e as nosas pescudas. http://nomesevoces.net
Nomes e voces