Alemaña e España, diferentes xuíces diferentes xurisprudencias

23 de Abril, 2018, 18:30H · Temas: Actualidade, Cataluña, Democracia, Historia · Imprimir

Alemaña e España, diferentes xuíces diferentes xurisprudencias

Lourenzo Fernández Prieto

As probabilidades de que os xuíces alemáns concedan a extradición de Puigdemont son e sempre foron improbables. Tanto como as de que un xuíz español extraditase alguén a Irlanda por un delito de interrupción do embarazo. As razóns de por que é así non deben buscarse non pensamento máxico e menos aínda no patriótico. Poden buscarse nos precedentes e na historia. Poden materializarse mesmo. Sábese que o único delito equiparable ao de rebelión (“dos que se alzaren violenta e publicamente”) na lei alemá é o de alta traición pero non sei se é sabido que nunca foi aplicado dende a fundación da República Federal Alemá en 1949 e por que.

Nunca houbo unha condena, segundo o profesor de Dereito Penal da Universidad Humboldt de Berlín, Luís Greco, e nin sequera chegou a aplicarse nunca tal delito, segundo revisou outro profesor da mesma materia da Universidade Técnica da capital alemá, Carsten Momsem. Nunca foi aplicado aínda que por dúas veces valorouse a posibilidade. A primeira na década dos setenta contra os terroristas da Fracción do Exército Vermello dirixidos por Andreas Baader e Ulrike Meinhoff que causaron máis de trinta mortos, varios secuestros e un bo feixe de atentados; a segunda en 1981 cando milleiros de ecoloxistas convocados polo activista Alexander Schubart provocaron graves enfrontamentos coa policía ao ocuparen as pistas do aeroporto de Fráncfort na protesta por unha polémica ampliación. O argumento para desestimalo neste último caso foi que a violencia exercida non era quen de vencer a un goberno.

Todo isto explícao a pesquisa dunha xornalista galega da axencia alemá de prensa (DPA), que tamén recolle que tal delito só foi aplicado unha vez na República Democrática Alemá contra un oficial da Stasi, a policía política daquel estado da órbita soviética. Na historia recente da Alemaña unificada a última referencia de aplicación do delito de alta traición foi un caso dramático e aínda moi lembrado da época nazi: os irmáns Hans y Sophie Scholl, estudantes do movemento A Rosa Branca foron xulgados, condenados e guillotinados en 1942, acusados de provocar a desmoralización do exército por lanzar panfletos chamando á resistencia pacífica contra o réxime. A súa memoria foi cultivada pola súa irmá, a escritora Inge Scholl, e universalmente actualizada nun filme de hai unha década.

Ata aquí os datos. As razóns que xeraron tal prudente xurisprudencia pódense argumentar. Teño para min que a inmensa cautela amosada na cualificación deste tipo de delitos en Alemaña ten que ver coa súa memoria e coa súa historia –e coa dos seus xuíces- que certamente é diferente da nosa –e da dos nosos xuíces-. Ten que ver con ese patriotismo constitucional de Habermas, tan citado en España como manipulado e incomprendido, que alerta contra o autoritarismo e obriga á memoria permanente sobre a culpa alemá. Esa alerta e esa obriga son as que informarán a aplicación da eurorden e non outras consideracións, alí onde a xustiza tamén é independente pero nin desmemoriada nin superadora da política, senón todo o contrario.

Tags: , ,

Deixa un comentario

O teu email non será publicado. A imaxe nos teus comentarios collea de Gravatar
Inclúe http://
Nota: algo de XHTML está permitido.

Suscribirte por RSS a estes comentarios

Proxecto de investigación Nomes e Voces

Coñece a web do proxecto: un espazo deseñado para facilitar o acceso á investigación da Historia actual especializada en información sobre a guerra civil e a represión franquista en Galicia. Convidásmote a que coñezas o noso traballo e as nosas pescudas. http://nomesevoces.net
Nomes e voces