Rande e Constitución: dúas pontes, unha diferenza.

4 de Abril, 2018, 17:20H · Temas: Actualidade, Economía, Política, Territorio · Imprimir

Rande é unha ponte de peaxe nunha autopista de peaxe que mide un quilómetro e medio e foi construída hai corenta anos, pola que circulan uns setenta mil vehículos diarios. A da Constitución de 1812 é unha ponte gratuíta que mide tres quilómetros e foi construída hai tres anos, pola que circula unha media de dezanove mil vehículos diarios. A de Rande é a ponte que serve de saída a toda a Galicia atlántica cara Portugal e que une o norte e o sur da ría. A da Constitución é unha das tres pontes que unen a cidade de Cádiz co exterior. Todas as autovías de Andalucía que unen as súas oito capitais de provincia e varias máis que unen outras poboacións menores son gratuítas agás un pequeno tramo de Jerez a Sevilla. Agora que o Parlamento galego está a reclamar sen éxito a transferencia –non a gratuidade- da AP-9 é bo lembralo. Tamén que os únicos que pagan para entrar e saír de Madrid son os que viaxan dende ou cara o Noroeste. Será para que se vaian afacendo a pagar peaxe ou será porque iso que chaman orografía só funciona contra o Noroeste.

Agora que estamos a facernos cargo cos nosos impostos do grande fracaso que foron as autoestradas radiais de Madrid que dobraban, cunha fórmula de peaxe, as autovías gratuítas que saen e envolven a capital do estado é bo lembrar que Lugo e Ourense ou Lugo e a capital de Galicia non teñen enlace por autoestrada ou que o enlace entre as cinco cidades galegas da fachada atlántica é de peaxe e que o das dúas cidades do norte, a través da capital de Galicia, con Ourense tamén é de pago. Por non falar da Coruña-Carballo ou de que as alternativas as autoestradas galegas de peaxe en Galicia son simplemente impracticables. Tamén é bo reparar en que na súa obcecación radial o Ministerio programou unha autovía –en construción ate 2022- entre Santiago e Lugo que en realidade só serve para saír cara a meseta: o que ven supor que todo o tránsito do sur de Galicia cara a autovía Transcantábrica (A-8) e a fronteira francesa deberá seguir a facerse por Curtis ao longo da N-634 ou pagando a peaxe pola Autoestrada-9 percorrendo vinte e tres quilómetros máis.

As aspiracións nacionais sempre levan algo de diñeiro soante aparellado, tamén as territoriais aínda non sendo nacionais. En democracia ademais cóntase os votos para tomar decisións e eses votos levan con eles investimentos do goberno do Estado. Nada hai de racional no resultado pero si moita inxustificada desigualdade no destino dos recursos públicos. Despois están as bandeiras, os himnos e máis as musas que queren pórlle letra ao himno, mesmo as casulas de oficiar misa coas cores da patria. Por certo, a vila de Puerto Real, que está no outro extremo da citada ponte gaditana da Constitución conta cuns magníficos asteleiros que locen dúas inmensas grúas pórticos que seguen servindo para construír os buques que en Fene xa hai décadas que no deixan construír. Das subidas das peaxes para pagar a chistosa ampliación de Rande mellor non falar e das peaxes en sombra tampouco. Cousas veredes!

Publicado en La Voz de Galicia, Opinión, 3 de abril de 2018, p. 15

Tags: , , ,

Deixa un comentario

O teu email non será publicado. A imaxe nos teus comentarios collea de Gravatar
Inclúe http://
Nota: algo de XHTML está permitido.

Suscribirte por RSS a estes comentarios

Proxecto de investigación Nomes e Voces

Coñece a web do proxecto: un espazo deseñado para facilitar o acceso á investigación da Historia actual especializada en información sobre a guerra civil e a represión franquista en Galicia. Convidásmote a que coñezas o noso traballo e as nosas pescudas. http://nomesevoces.net
Nomes e voces