Turismo nunha economía atrasada

4 de Abril, 2018, 17:11H · Temas: Actualidade, Artigos, Economía · Imprimir

A ninguén gustará a asociación entre turismo e atraso, cando está a celebrarse que España superou a Estados Unidos como receptor de turistas. En Fitur púxose como obxectivo superar a Francia, historicamente primeira do rankin. En si mesma non é mala noticia porque é sabida a relación entre turismo e avance da economía española dende os anos sesenta. Pero como compre non quedar fascinados da primeira impresión propoño xogar ás diferenzas. A primeira que Francia e Estados Unidos nunca basearon o seu progreso económico no turismo como eixo principal, menos aínda acompañado dos investimentos estranxeiros e as remesas dos emigrantes, que foi a tripla hélice do desarrollismo español hai cincuenta anos. A diferencia do que acontece aquí, en ambos os dous países, igual que en Italia ou Portugal, o turismo non é hoxe o indicador principal da marcha da economía.
Segunda diferenza con eses dous grandes países é que o turismo en España está directamente ligado ao negocio da construción e ás infraestruturas de comunicación que constrúe o Estado con recursos públicos. Volver por en marcha esa roda ven sendo o norte da política económica en vigor. Si, a mesma roda que nos levou á burbulla e á bancarrota económica, política e moral. Estamos poñéndoa a xirar sen autocrítica e sen memoria a curto nin a longo prazo. Os historiadores da economía teñen moito que dicir e dino, pero só conseguen que os retiren dos planes de estudo nas Facultades de Economía e Empresa. Triste eloxio da ignorancia para unha disciplina, a economía moderna, construída a partir da ensinanzas da crise de 1929.
Terceiro. Na semana de Fitur soubemos tamén que a degradación das condicións laborais no sector turístico é de tal calibre que os primeiros en denunciala son agora os empresarios con conciencia que queren competir en calidade, non os sindicatos. Algo avanzamos dende hai cincuenta anos, cando os investimentos estranxeiros afluían a España polos baixos salarios dunha disciplinada man de obra que aínda cantaba as cancións para despois dunha guerra.
Chegados aquí alguén estarase preguntando por indicadores que avalen o que digo. A cuarta diferenza entre os tres primeiros estados do rankin poden buscala no número de premios Nobel. Os seguintes países situados no top de recepción de turistas son China, Italia, Reino Unido e Alemania. Completan a listaxe México, Tahilanda e Turquía. Non é necesario dicir a que países nos parecemos polo número de premios Nobel nos último medio século. A comparación resulta definitiva para caracterizar as economías e afórranos referencias a investimento en I+D. Quinta: en ingresos por turismo Estados Unidos é primeira, triplicando a España.
Brindamos por unha economía de segunda baseada en atender o lecer e a xubilación das de primeira: turismo, construción, infraestruturas para o transporte de persoas e o atraque de cruceiros. E nós poñemos natureza e cultura disposta e ser degradada pola masificación. Que foi da ciencia e o seu progreso que tanto obsesionara ás elites españolas? Do progreso moral da educación? Non estaba no temario dos opositores que nos gobernan.
Publicado en La Voz de Galicia 23, Xaneiro, 2018

Tags: , , , , ,

Deixa un comentario

O teu email non será publicado. A imaxe nos teus comentarios collea de Gravatar
Inclúe http://
Nota: algo de XHTML está permitido.

Suscribirte por RSS a estes comentarios

Proxecto de investigación Nomes e Voces

Coñece a web do proxecto: un espazo deseñado para facilitar o acceso á investigación da Historia actual especializada en información sobre a guerra civil e a represión franquista en Galicia. Convidásmote a que coñezas o noso traballo e as nosas pescudas. http://nomesevoces.net
Nomes e voces