No mar do cabo do mundo

7 de Marzo, 2016, 0:34H · Temas: Actualidade, Artigos, Política · Imprimir

O nacionalismo galego está na transición propia deste tempo de crise e mudanza que vivimos. A marea foi subindo aos poucos ate cubrir case toda a praia na que mariscaba. Hai un tipo de nacionalismo que está movéndose arredor de si polo penedo de granito ao que gateñou mentres subía a marea. Non quere mollarse nin tampouco subirse a un bote para seguir apañando ameixas, berberechos e longueiróns electorais. Prefire seguir vivindo do que xa leva collido, aínda a risco de que o concheiro de cáscaras acabe ocupando máis que o depósito comestible. Esta fin de semana reafirmáronse no seu penedo, pois sabendo que a marea ha baixar confían en que cando se retiren as augas poidan estenderse de novo pola enorme lousa de cuarcita galeguista que agora aínda está cuberta pola mar.

Do penedo granítico veñen de marchar, remando nunha gamela, os restos que aínda quedaban do que hai uns anos fora a agrupación +BNG e despois +Galiza. Aquela aposta por refundar o BNG sen lindeiros de siglas nin dirixencias paralelas –previas-, parécese moito ao que os agora derrotados no Palexco –incluído o voceiro saínte- reclaman con tanta amarga contundencia como evidente retraso. No 2012 en Amio dirimíuse xa esa cuestión na organización que dende antonte lidera a UPG en solitario; a que volveu confundir o nacionalismo -e aínda o país- con eles mesmos, nun reducionismo que ameaza con apedrar o mellor da súa obra: a gran capacidade para facer política de resistencia. Na principais votacións do Palexco, a do relatorio político e a de elección da executiva participaron arredor de 1300 afiliados. Éche o que hai. A gamela que parte agora leva rumbo definido, pero a dúbida segue sendo se embarcarán eses alcaldes, alcaldesas e grupos municipais que son os mellores mariñeiros e mariscadores do penedo.

Os outros nacionalistas están esfrangullados nun feixe de botes, pero navegando neste cabo do mundo e ao cabo do que no mundo está a pasar; uns van nunha dorna a vela, outros en chalanas salvavidas, algúns nadando ao xeito para non bater na resaca contra o penedo de granito. Moitos mariscan a pe sen perigo ningún. Hai navallas, ameixas e croques de sobra. As mareas electorais, deron para varios barcos diferentes despois do éxito de hai catro anos nas autonómicas. Agora están dubidando que nome pórlle aos barcos e en que lingua. Nos meses vindeiros terán que decidir se están en marea ou están na marea, que non vos ven sendo o mesmo. Se están en marea irán onde ela os leve; se están na marea saben que é o que están a apañar e para que serve.

Todos os botes e as lanchas da marea están agora abarloadas agardando –algúns temendo- que cheguen máis embarcacións. As mariscadoras que traballan coa auga polas coxas saben que hai marisco para todos. Aínda os bañistas e os surfeiros están dispostos a axudar, porque do que agora se trata xa non é da apañar marisco e ir vendelo á lonxa senón de coller máis que a flota da competencia e usar a ganancia para mercar a fábrica de conservas en terra firme e poder botar esa dirección explotadora, pouco competente e señoritinga que está a arruinala. Interesa a todos porque sen fábrica, de que han vivir os nosos fillos? Sábeno ben quen se manifestaron o sábado.

Tags: , , , ,

Deixa un comentario

O teu email non será publicado. A imaxe nos teus comentarios collea de Gravatar
Inclúe http://
Nota: algo de XHTML está permitido.

Suscribirte por RSS a estes comentarios

Proxecto de investigación Nomes e Voces

Coñece a web do proxecto: un espazo deseñado para facilitar o acceso á investigación da Historia actual especializada en información sobre a guerra civil e a represión franquista en Galicia. Convidásmote a que coñezas o noso traballo e as nosas pescudas. http://nomesevoces.net
Nomes e voces