O nacionalismo galego en redefinición

15 de Febreiro, 2016, 19:47H · Temas: Actualidade, Artigos, Política · Imprimir

O galeguismo nacionalista, entendido como pensar o mundo dende Galicia, aspirar a gobernarnos nos mesmos co máximo nivel de autogoberno posible e lograr o máximo nivel de benestar e igualdade das maiorías sociais, está en redefinición. O proceso empezou no ano 2012 pero unha parte dos sectores que viñan sendo referentes política e sindicalmente só agora, despois dos resultados destas eleccións, deron en reparar que as novas formas de intervención política, de relacións da cidadanía coa política e as mudanzas nas preferencias sociais, están para que darse. Esta conxuntura non é unha curta suspensión do tempo pasado senón un longo gonzo entre dous tempos diferentes. O que toca nunha sociedade plural despois de catro décadas. No nacionalismo como en toda a sociedade moitos constataran a evidencia do cambio como unha molestia incómoda e pasaxeira pero sen entendelo e só agora empezan a pensalo e intentar reaccionar. Para que a reacción sexa realmente estratéxica os actores teñen que asumir a profundidade da mudanza pero algúns sectores do nacionalismo xa demostraron a incapacidade para facelo.

O asunto é paradoxal porque o nacionalismo galego é compoñente central dos cambios políticos que están a producirse no conxunto do Estado. De feito o cambio organizativo e de alianzas empezou a manifestarse precisamente nas eleccións galegas de 2012 co proceso e os resultados de AGE, antes da aparición de Podemos. Grupo que, como se ten repetido, aprendeu naquelas eleccións as virtudes da agregación acumulativa de forzas, as posibilidades de entrar con éxito no sistema electoral e as oportunidades reais de materializar unha ruptura política, que copia e pon en práctica nas eleccións europeas de 2014.

O nacionalismo ten que afrontar as realidades que lle esixen modificar o seu programa e a súa práctica: a idea do atraso xa non se acomoda ás nosas vidas, o modelo de normalización lingüística foi un fracaso no que xa só cren os extremos, o criterio filolóxico non serve –nunca valeu- para facer política nin para entender resultados electorais, o frontismo é unha rémora organizativa xa criticada nos anos 80 polo PSG-EG que non ten sentido nunha sociedade plural e democrática. O discurso do nacionalismo ten que redefinirse e reconstruírse para desfacerse de totems que son hoxe artefactos inservibles ou estorbos do pasado que os vellos protagonistas non logran arrumbar.

Que pasará agora coas organizacións do nacionalismo? A UPG resistirá en espera de tempos mellores porque está preparada teórica pero tamén instrumentalmente para facelo: domina organizacións sindicais, alcaldías importantes, tres vicepresidencias de deputacións. Posiblemente seguirá existindo dentro doutros corenta anos e tendo algúns deputados e alcaldías. Nos vindeiros meses irase redefinindo todo aquel BNG que en Amio marchou para non volver ao proxecto comun e que está repartido cando menos en tres grupos diferentes. Previsiblemente haberá ademais unha nova saída da parte do BNG que aínda aguantara alí dentro. Como é ben sabido –e nos últimos días repetido dende estes grupos- o único espazo posible de construción de algo novo é o creado por AGE que despois, con Podemos, xerou as exitosas Mareas. O que sexa o novo nacionalismo do futuro está aí e redefinirase dende aí. A boa noticia é que hai onde escoller.

Tags: , , ,

4 comentarios → Deixa un comentario

  1. 1 dpeon Febreiro 18th, 2016 9:20H

    Isto chámase resucitar un blog!

  2. 3 Paco Pil Febreiro 18th, 2016 9:34H

    A “exitosa” AGE o único rupturismo que exerceu foi o do seu propio grupo. Mais iso non é o importante, oh. Agora chega a novedosa Podemos, que tamén practica ese rupturismo nos seus propios órganos de decisión e no seu grupo no Congreso.

    Obviar iso e o intenso traballo no Parlamento do BNG denota o tendencioso que é este artigo.

    Lourenzo, que xa choveu desde que ías ás AN só para votar…

    • 4 Lourenzo Febreiro 19th, 2016 9:58H

      cada qune escolle e escribe do que lle parece… digo eu.. pero non impido que se escriba doutra cousas, sigo dicindo eu…

Preme aquí para cancelar a resposta.

Deixa un comentario en dpeon

O teu email non será publicado. A imaxe nos teus comentarios collea de Gravatar
Inclúe http://
Nota: algo de XHTML está permitido.

Suscribirte por RSS a estes comentarios

Proxecto de investigación Nomes e Voces

Coñece a web do proxecto: un espazo deseñado para facilitar o acceso á investigación da Historia actual especializada en información sobre a guerra civil e a represión franquista en Galicia. Convidásmote a que coñezas o noso traballo e as nosas pescudas. http://nomesevoces.net
Nomes e voces