Os malos tempos para a lírica

30 de Decembro, 2013, 22:22H · Temas: Actualidade, Artigos, Historia · Imprimir

Os malos tempos para a lírica

30 de decembro de 2013
O 2013 foi un ano de fitos que rematou coa morte dun grande do pop. Hai trinta anos que Germán Coppini e Golpes Baixos se vestiron de mulleriñas de pano na cabeza para a portada dun disco memorable da xeración que non votou a Constitución, da primeira que foi moderna sen complexos. Por iso titularon Santa Compaña aquel disco porque, como dixo Coppini, ollaban para si mesmos e o Vigo que tiñan arredor mentres a música madrileña non paraba de buscar refrendo anglosaxón «… por iso eramos os máis modernos de todos». Unha época de máis crise e paro que hoxe pero na que o futuro era tan próximo como posible. Eles foron os seus poetas. Só dez anos antes do disco de Golpes, en 1973, o golpe de Pinochet liquidou a esperanza democrática e socialista de Allende, marcando aquela xeración: precisamente o último disco de Coppini foi unha homenaxe a cantautores latinoamericanos, con V. Jara e V. Parra á cabeza.

Outro fito de modernidade galaica foi hai cen anos a fundación do Ribadeo F. C. Que nunha vila do Cantábrico galego poida celebrarse o centenario dun clube deportivo informa ben da fondura dos cambios duns bisavós capaces de ir cos tempos, porque contra o que poidan pensar non se trata dunha anécdota nin dunha reliquia.

Como tampouco é unha anécdota ?aínda que pasou máis desapercibida? que este ano se cumpriran os 90 da constitución do Seminario de Estudos Galegos, unha institución académica única e orixinal que vinculou ciencia, cultura, galeguismo e universidade e construíu unha interpretación deste país da que aínda seguimos vivindo e que dista de ser superada ou actualizada. Da pluma daqueles mozos saíu a concepción da historia, da política, da xeografía, da etnografía e da ciencia que aínda temos en Galicia.

Neste ano que se vai cumpríronse tamén 70 anos da vitoria de Stalingrado fronte aos nazis que mudou o curso da Segunda Guerra Mundial e da historia universal. Un fito decisivo na configuración do presente que evitou o triunfo do fascismo e o militarismo, lémbranos que a guerra ?mal que nos pese? seguiu sendo parteira da historia e demostra que a evolución da humanidade e da civilización non é unha marcha segura e inevitable cara o progreso dun mundo mellor. Só vinte anos antes, en 1923, cando Mussolini cumpría o primeiro ano do poder fascista en Italia, o capitán xeral de Barcelona, Miguel Primo de Rivera, reclámalle ao rei formar Goberno e pechar o Parlamento, rematando con nove décadas de parlamentarismo e dando comezo á primeira ditadura española do século XX. Sobre todo rematamos o centenario de 1913, un ano feliz nunha época de avances tecnolóxicos incribles, cando ninguén imaxinaba o que estaba a piques de suceder ao ano seguinte, a resultas dunha longa xeira de globalización, das necesidades enerxéticas da segunda onda da industrialización (a do motor de explosión, o triunfo da química e o anuncio da xenética) e do choque dos vellos imperios coas novas nacións e das vellas clases privilexiadas coas novas ansias de igualación de operarios e campesiños. Todo o noso presente empezou vai haber cen anos coa Primeira Guerra Mundial.

Tags: , , ,

Deixa un comentario

O teu email non será publicado. A imaxe nos teus comentarios collea de Gravatar
Inclúe http://
Nota: algo de XHTML está permitido.

Suscribirte por RSS a estes comentarios

Proxecto de investigación Nomes e Voces

Coñece a web do proxecto: un espazo deseñado para facilitar o acceso á investigación da Historia actual especializada en información sobre a guerra civil e a represión franquista en Galicia. Convidásmote a que coñezas o noso traballo e as nosas pescudas. http://nomesevoces.net
Nomes e voces