O fracaso da Universidade privada en España

28 de Xuño, 2013, 1:52H · Temas: Xeral · Imprimir

N estes días en que se discute se un 5 é un 5 ou ten que ser un 6,5, desafiando todo o que estudamos, ao que estamos asistindo en realidade é a constatación do fracaso dos intentos por facer callar en España unha boa universidade privada, competitiva, de calidade docente e investigadora e atractiva para as familias. Un empeño despregado sen éxito nos últimos vinte anos e que a crise actual ven acabar de coutar por moito tempo. De aí o empeño en regular a pública ata extremos ridículos como o do 5 que, sendo xa hoxe 5,5 de mérito engadido, queren converter en 6,5 para acceder a unha bolsa.

Porque nas universidades privadas españolas, agás as dúas clásicas, nalgunhas das súas titulacións, tamén clásicas, só se gradúan os que non teñen outro remedio. A saber, os que non teñen a nota requirida para entrar nas universidades públicas na titulación desexada ou quen só precisan o título para acceder a un traballo que xa lles agarda cando empezan a carreira. ¿Non si? Xa que logo, compre determinar as condicións da pública e darlle unha nova volta. De aí os argumentos falaces repetidos como mantras: o máis común ese de que ningunha universidade española está entre as «mellores do mundo», que é cara para os resultados que da ou que compre pular a excelencia.

A esa constatación débese tamén o empeño de Wert e a súa cohorte en confundir os tres principios básicos: igualdade, mérito e capacidade, para quedarse só cos dous últimos. O clasismo do seu argumentario agocha en realidade unha derrota… a das universidades privadas, derrota no mercado que é onde máis lles doe aos paladíns do mercado libérrimo. A idea de que non todo o mundo pode estudar é sen embargo tan vella como o clasismo nas sociedades de clases contemporáneas, nas que o coñecemento é poder e unha vía de ascenso social que os de arriba non sempre queren partillar e menos cando hai menos que repartir. Ninguén nega xa que esta longa crise é estrutural e por iso ábrese un conflito para axustar as estruturas, tamén as sociais, cara o futuro.

Volvendo ao argumento central, o fracaso da universidade privada española é tan evidente que incluso comunidades do PP como Madrid (oito universidades privadas por seis públicas), aínda crearon universidades a discreción, a Rey Juan Carlos (1996) e, sobre todo, a Universidad a Distancia de Madrid (2006), que imparte 15 graos e 27 mestrados. Esta última, con estatuto privado e que nestes días desprega unha grande campaña publicitaria nos medios, é en si mesma proba da rendibilidade da educación. Por certo, que entre os organismos duplicados que a nova lei de reforma da Administración propón eliminar non cita universidades coma esta, clonada da UNED e ocupando o mesmo territorio virtual e presencial na capital do Estado. Dende 1876, o pasado está cheo de fracasos de políticos enfrontados á universidade. ¡Que pouco aprenden! Entre as preguntas que quedan no aire, ¿ulo situaremos o profesorado o aprobado, no 5 ou no 6,5?

Deixa un comentario

O teu email non será publicado. A imaxe nos teus comentarios collea de Gravatar
Inclúe http://
Nota: algo de XHTML está permitido.

Suscribirte por RSS a estes comentarios

Proxecto de investigación Nomes e Voces

Coñece a web do proxecto: un espazo deseñado para facilitar o acceso á investigación da Historia actual especializada en información sobre a guerra civil e a represión franquista en Galicia. Convidásmote a que coñezas o noso traballo e as nosas pescudas. http://nomesevoces.net
Nomes e voces