Recortar non é gobernar ou o misterio dos 3 millóns

28 de Marzo, 2013, 0:34H · Temas: Actualidade, Artigos, Política · Imprimir

Recortar o gasto público, non gastar os recursos dispoñibles e non ter ningunha iniciativa para aumentar os ingresos -nin para ningunha outra cousa, por certo- permite agochar a falta de ideas con aparente dignidade. A ausencia total de política, substituída por administración coa desculpa da crise, permite facer pasar desapercibida a auténtica política, ditada por intereses particulares e aínda por prexuízos ideolóxicos dunha minoría. A pasada semana, os tribunais -que non a oposición- tombaron un gasto de 3 millóns de euros para 5 colexios privados (600.000 cada un) dunha agrupación confesional que segrega aos alumnos por sexo, de xeito contrario á lexislación vixente; a mesma cantidade que terá que recortar este ano a máis pequena das universidades galegas, a mesma que permitía a gratuidade dos libros de texto a todas as familias… Eses 3 millóns de euros son, sobre todo, moito máis do que se aforra coa redución da axuda aos comedores escolares que o conselleiro anunciara, dramaticamente, o día antes da sentenza do tribunal, como única solución para administrar a súa consellería porque «¡as contas non dan!». Iso é o que a administración da miseria oculta: unha miseria que non é.

Aínda por riba, o recorte quérese facer pasar por xustiza social en tempo difíciles: ¡que paguen os que teñen e non paguen os que non teñen! Isto leva a preguntarse para que os impostos e para que os gobernos. A demagoxia e o populismo fanse así pedagoxía depredadora, fomentando a ignorancia fiscal nun país onde a tributación nunca gozou de simpatías. Outros argumentos contables esgrimidos polo conselleiro é mellor esquecelos -tendo en conta que deu clases de Economía- porque dificilmente pasarán o exame do seu votante máis fiel e do seu alumno menos avantaxado. O asunto ten miga moral engadida nesta semana, agora que o novo xerarca da confesión á que pertencen os colexios subvencionados, a cambio de que un montón de nenos queden sen comedor, é presentado como un grande amigo dos pobres ata no nome escollido. Os beneficiarios da subvención impugnada non poderán rezar coas mans dereitas polo novo papa sen lembrar que a súa subvención deixa sen comedor a tantos nenos de familias desfavorecidas.

Gobernar empeza por saber que se quere facer, e segue por dicilo. Nos comezos do liberalismo gobernar era garantir a liberdade de comercio, de expresión, de traballo, de asociación, de culto, dende a igualdade xurídica. Aló de onde ben o novo papa, gobernar era poboar de europeos unha terra baleira. Despois, para os demócratas, gobernar foi reformar, en favor das maiorías, o agro, as relacións laborais ou a educación. Máis tarde, garantir o benestar social da maioría da sociedade converteuse no modelo de goberno occidental. Agora, nesta fin da historia, gobernar é administrar o que a hai e dar grazas polo que temos, mentres nos asustan coa fin do que fomos logrando. Gobernar é ocupar a Administración para que non a ocupen outros que, por certo, tampouco parecen nada dispostos a ocupala. (22 de marzo de 2013)

Tags: , ,

Deixa un comentario

O teu email non será publicado. A imaxe nos teus comentarios collea de Gravatar
Inclúe http://
Nota: algo de XHTML está permitido.

Suscribirte por RSS a estes comentarios

Proxecto de investigación Nomes e Voces

Coñece a web do proxecto: un espazo deseñado para facilitar o acceso á investigación da Historia actual especializada en información sobre a guerra civil e a represión franquista en Galicia. Convidásmote a que coñezas o noso traballo e as nosas pescudas. http://nomesevoces.net
Nomes e voces