A crise e a USC

30 de Outubro, 2012, 21:54H · Temas: Actualidade, Artigos, Universidade · Imprimir

 

Neste contexto de crise xeral, a preocupante
situación da Universidade de Santiago de Compostela non pode agocharse máis
tempo. O Claustro celebrado o 2 de outubro pasado foi un punto de non retorno
que amosou as dúas caras da institución. A comunidade universitaria demostrou
máis unha vez a súa responsabilidade colectiva coa aprobación, por fin, dos
Estatutos e máis coa elección do novo Valedor. O mesmo Claustro, na mesma
sesión, rexeitou por segunda vez a programación plurianual presentada polo
reitor, distinguindo así entre a responsabilidade da institución e a do seu
goberno. De principio a fin da sesión constatouse un malestar xeralizado pola
falla de rumbo da equipa reitoral, despois dunha experiencia de 27 meses de
mandato, ao longo de dous cursos completos.

A proposta de programación rexeitada era
practicamente idéntica á refugada case un ano antes (decembro de 2011) que xa
fora presentada cun ano de retraso respecto da data obrigada. Nin unha nin a
outra reunía condicións, a ollos do máximo órgano universitario, para ser unha
guía de acción do goberno merecente de tal nome. Para alén diso, a institución
segue cos orzamentos prorrogados: os aprobados no inicio do mandato cunha marxe
de apoio do Claustro que o reitor non soubo aproveitar en positivo. Sen a
programación nin os orzamentos que a lei encomenda validar ao Claustro, mingua
a lexitimidade de exercicio para o goberno. Mais sendo isto preocupante non é
máis que a manifestación dun problema máis fondo, a ausencia de política
académica; agás en recursos humanos, onde se tentou prescindir duns (LRU ou
Parga Pondal) para procurar outros novos, sen garantías de que os novos
contratos poidan tramitarse: vense de suspender cautelarmente a última
convocatoria de prazas.

O paso das follas do calendario, acomodados na
política da inercia xa non da para máis despois de dous anos. Na deboura desta
crise devoradora, todo o camiño que non se avance é un camiño que se desanda. A
crise obriga a actuar para evitarmos ser devorados ou demediados como
institución. O mesmo día da celebración do Claustro enterámonos da morte dun
dos máis grandes historiadores do século XX, Eric J. Hobsbawm, que nos aprendeu
a identificar as crises e os momentos de cambio que se sucederon no século XX,
curto e de extremos. Unha significativa coincidencia.

A estas alturas, a ausencia de programación
plurianual, de orzamentos e, sobre todo, de criterio para dirixir a institución
pon en evidencia que o goberno da USC carece de rumbo e, o que é aínda máis
preocupante, de apoios para definilo. Non sabe onde vai. A institución necesita
dun rumbo para navegar no medio da crise, dunha rota que unifique á USC nunha
tarefa colectiva de futuro, en vez de esvarar pola pendente que leva
directamente á crise institucional. A comunidade universitaria expresouse no
Claustro e tamén como opinión pública e debe tomar a palabra para decir onde
quere ir neste intre de confusión e crise. A solución non pode ser engadir máis
crise á crise. Iso é o que está a acontecer. No Claustro do 2 de outubro, despois
de aprobárense as emendas de devolución da programación plurianual –na rolda de
rogos e preguntas- algúns claustrais preguntámoslle
máis unha vez ao reitor como ía afrontar a situación, rogámoslle que encetase un período de reflexión para dar solución a
unha situación institucional de máxima urxencia, que abrise conversas con todos
os sectores do claustro, con aqueles minoritarios que apoian a súa acción de
goberno e cos que non podemos apoiala. Como se demostra un Claustro trás outro,
a institución conta con todos para superar esta crise no medio da crise. En
beneficio do futuro da USC, confiemos que a leitura de E. J. Hobsbawm ilustre
ao Sr. reitor para recoñecer a situación e propiciar unha saída. Case un mes
máis tarde só sabemos que o tempo segue a pasar un día trás outro.

Tags: , ,

Deixa un comentario

O teu email non será publicado. A imaxe nos teus comentarios collea de Gravatar
Inclúe http://
Nota: algo de XHTML está permitido.

Suscribirte por RSS a estes comentarios

Proxecto de investigación Nomes e Voces

Coñece a web do proxecto: un espazo deseñado para facilitar o acceso á investigación da Historia actual especializada en información sobre a guerra civil e a represión franquista en Galicia. Convidásmote a que coñezas o noso traballo e as nosas pescudas. http://nomesevoces.net
Nomes e voces