Mestre Raxoi

13 de Xuño, 2012, 19:04H · Temas: Actualidade, Artigos, Historia, Política · Imprimir

Lourenzo Fernández Prieto

Hai que
recoñecer a capacidade de Mariano Rajoy para a comunicación política. Esa
mistura de desapego e autoridade mundana combinada cun control dos tempos
funcionoulle na súa carreira política e, polo de agora, séguelle a funcionar. O
sábado á tarde ferveron minuto a minuto as redes sociais e os medios de
comunicación porque era o ministro e non o Presidente quen comparecía para
informar da resolución do eurogrupo sobre o rescate á banca española. Ninguén aforrou
críticas. A sensación de desconsideración acrecentábase porque para o domingo
seguía en axenda a súa presenza no partido da selección en Polonia, pese á
situación de emerxencia. Botou por diante ao ministro e coas críticas xa sustanciadas
compareceu ao día seguinte. O domingo saíu á palestra cunha grande expectación
e con grande satisfacción á hora da misa dominical. Confirmou o que xa se sabía
co seu ton e as súas propias palabras, repetiu os argumentos do ministro e as
cifras que xa eran coñecidas volatilizando as especulacións que ao minuto se
foran facendo o día anterior sobre o seu temor a dar a cara.

Nada novo. Non é
que amañe ren pero torea como ninguén os tempos e as situacións difíciles.
Lembremos o Prestige. Fraga, Cuíña e Alvarez Cascos ficaron tocados ou
afundidos con aquela peripecia. Rajoy compareceu falou dos “hilillos” e dos
técnicos pero fixo fronte ao temporal político e aí segue. Antes, cando a
defección dos conselleiros do Goberno Albor, na segunda lexislatura do
Parlamento galego, estreárase como vicepresidente con outra galerna. Daquela
aprendeu a fórmula e agora repite o guión, presentándose como o que afronta o
que outros deixaron estragar ou provocaron. Claro que para aparentar que
arranxa os desaguisados dos demais quédalle cada vez menos tempo porque pese á
súa mestría canto máis tempo pase menos poderá representar que afronta os erros
dos outros. Polo momento segue a conseguilo. A guinda foi marchar ao partido:
sinal inequívoco de que o asunto está arranxado. Ninguén sería tan
irresponsable. Non si?

Non deixa de me
lembrar a outro galego, tamén presidente do consello de ministros, chamado
Santiago Casares Quiroga, co que a historia foi ben inxusta precisamente por
intentar aparentar tranquilidade como fai Rajoy. Foi ao sair do Congreso dos
Deputados na tarde do 17 de xullo de 1936. Cando os xornalistas, alarmados
polas noticias sobre unha sublevación militar en Melilla preguntáronlle ao
respeito el respondeu retranqueiro: “se os militares érguense eu voume durmir”.
Pouco imaxinaba que aquilo provocaba a guerra civil nin que tería que dimitir
na noite seguinte. A súa experiencia en Gobernación e o previsible coñecemento
dos movementos insurreccionais levárono a intentar transmitir unha seguridade
que pasaría á historia como indolencia e ignorancia nos retratos que lle
fixeron os golpistas que gañaron a guerra pero tamén nos correlixionarios que
necesitaron explicar a súa propia falta de previsión. Aparentar tranquilidade
na ponte de mando do barco á deriva só funciona se non hai icebergs no mar.

 

Tags: , , ,

Deixa un comentario

O teu email non será publicado. A imaxe nos teus comentarios collea de Gravatar
Inclúe http://
Nota: algo de XHTML está permitido.

Suscribirte por RSS a estes comentarios

Proxecto de investigación Nomes e Voces

Coñece a web do proxecto: un espazo deseñado para facilitar o acceso á investigación da Historia actual especializada en información sobre a guerra civil e a represión franquista en Galicia. Convidásmote a que coñezas o noso traballo e as nosas pescudas. http://nomesevoces.net
Nomes e voces