Wert, universidades e democracia

30 de Maio, 2012, 10:21H · Temas: Artigos, franquismo, Historia, Política, Universidade · Imprimir

 

Lourenzo Fernández Prieto

            Impensable e inédito foi o plante dos reitores e reitoras ao ministro Wert no último consello
de universidades. O que pasou e por que foi explicado de sobra en todos os
medios e por todos os medios polos reitores e o propio ministro, quen ficou tan
chantado que non puido disimular o significado político da contundente resposta
universitaria. Pouco se reparou ao meu ver na actitude política que se deriva das
palabras do ministro cando dixo que “os reitores teñen que entender que nunha
democracia as leis e neste caso os decretos-lei os aproban os gobernos e os
convalidan os congresos”. Pode que estivese azorado ou agobiado nese momento
pero a concepción plebiscitaria que destila esta frase non pasa desapercibida.
Nada de sociedade aberta e complexa hai detrás desta idea, ren de conciliar,
dialogar e negociar con sectores, estamentos, corporacións ou asociacións
voluntarias de intereses, propias dos sistemas liberais e democráticos. De
feito reflicte unha cultura política que é moi propia da dereita –e non só-
española. Esa que concibe a democracia como un sistema no que votar constitúe
un plebiscito ocasional que outorga capacidade executiva absoluta aos
gobernantes. O que gaña aínda que sexa por un voto ten dereito a desenvolver o
seu programa, e os seus intereses, sen avisar, negociar nin modular. Unha
cultura que se estende a todos os ámbitos sociais e institucionais e que
converte a política democrática nun exercicio inútil.

            Non resulta extrana esta simpleza política por máis que resulte impropia dun
ministro da democracia. Non é extrana porque domina a cultura política española
dende hai xeracións. Foi precisamente a ditadura de Franco a primeira que
deseñou un sistema plebiscitario para reforzar por medio do referendo (Lei
Fundamental de outubro de 1945) a súa posición política nos agobiantes intres da
posguerra mundial cando, despois da derrota das ditaduras amigas, o réxime estivo
a piques de naufragar no ostracismo dos aliados. Inventouse daquela un sistema
superador das diatribas partidarias do liberalismo democrático, pero menos
rupturista que o nacionalsindicalismo ensaiado ata entón e máis adaptado aos
tempos da vitoria das democracias. O sistema logrou consolidarse por tres
décadas, creando unha forma de “democracia” plebiscitaria capaz de avalar
sucesivamente o réxime e a súa transformación: en 1947 co Referendo para Lei de
Sucesión, en 1964 co Referendo para a Lei Orgánica do Estado e aínda en 1976 no
da Reforma política. Lograr os votos para avalar sen freo o dominio político adoptouse
como regra inapelable. A distancia política da ditadura á democracia é tan
evidente que non merece comentarse, o mesmo que a diferencia que media entre
aquelas xeracións de actores políticos e as actuais, pero resulta sobradamente
contrastado que as culturas políticas dos estados non se improvisan por máis
que se creen e se recreen e a da vitoria electoral como patente de corso é a
que destilan as palabras do ministro. Supervivencia do pasado ou dependencia da
traxectoria.

Tags: , , ,

Deixa un comentario

O teu email non será publicado. A imaxe nos teus comentarios collea de Gravatar
Inclúe http://
Nota: algo de XHTML está permitido.

Suscribirte por RSS a estes comentarios

Proxecto de investigación Nomes e Voces

Coñece a web do proxecto: un espazo deseñado para facilitar o acceso á investigación da Historia actual especializada en información sobre a guerra civil e a represión franquista en Galicia. Convidásmote a que coñezas o noso traballo e as nosas pescudas. http://nomesevoces.net
Nomes e voces