Semana decisiva no BNG

26 de Xaneiro, 2012, 0:45H · Temas: Actualidade, Artigos, Política · Imprimir

Lourenzo Fernández Prieto
Esta semana o BNG afronta o seu futuro nunha situación inédita, con dúas candidaturas para a Asemblea que presentan diagnósticos e liñas de acción contrastadas sobre que propor dende o nacionalismo á sociedade galega de 2012. Beiras e Aimerich agrupan ás diferentes correntes políticas que foron configurando ao BNG. Vázquez e Jorquera á UPG, a corrente central do galeguismo actual, a única que logrou ter continuidade organizativa dende os anos sesenta. Unha terceira opción, o MAS, configurouse como escisión e tamén aliada desta última. O inédito é a milimétrica segregación interna do Bloque, dun lado a opción orgánica da UPG e do outro todas as demais correntes e sensibilidades que despois das peripecias propias da negociación entre diferentes tradicións e persoas acordaron unha bases comúns.
A novidade deriva da emenda que a UPG formula contra si mesma e á súa traxectoria dende que con Beiras e grupos independentes fundaron o BNG hai trinta anos. Despois das últimas eleccións autonómicas o comité central da UPG optou por dirixir a organización en solitario e nestes dous anos emendou tres décadas. Agora, no texto da ponencia oficial que presentan á Asemblea pretenden sancionalo. No diagnóstico, na proposta e na acción liquidan o proxecto común que logrou reunir a todo o nacionalismo nos anos noventa: rectifican as clarificadoras conclusións da Asemblea de Ourense de 1998 en que se asentou o grande salto adiante nos gobernos municipais e o éxito nas europeas de 1999, o das xerais de 2000 ou o programa de goberno en 2005, ignoran mesmo o paso pola Xunta agás para lamentalo, repudian os sucesivos programas electorais concebidos para gobernar o país, os recentes manifestos dos alcaldes ou mesmo o discurso do candidato Jorquera na pasada campaña electoral.
Na súa corrección de erros a UPG propón para o Bloque un nacionalismo antiautonomista, antieuropeista, contrario a alianzas co PSOE –aínda que a práctica o desminta- e deseña convertelo nunha forza de resistencia que refusa ser alternativa de goberno. Deslinda para si uns “mínimos” do nacionalismo galego, considera na práctica que Galicia só existe nela e desconfía dunha sociedade que abandona ao PP. É a proposta de quen quere conformarse con ser conciencia crítica ou simple apoio ao sindicalismo, ao xeito de Izquierda Unida. Neste rol non pode sentirse representado o nacionalismo porque aspira a construír o país e sabe como facelo. Esta deriva é a que explica que se debuxe por unha banda a UPG e os seus aliados -que creron atopar así a mínima cohesión para manter o poder interno- e, por outro, o resto do BNG. Tamén explica a sorpresiva aparición de Beiras en primeira liña, de Nogueira e outros, a toque de arrebato, para ser o pau do palleiro do nacionalismo que quere futuro.

Tags: , , , ,

Deixa un comentario

O teu email non será publicado. A imaxe nos teus comentarios collea de Gravatar
Inclúe http://
Nota: algo de XHTML está permitido.

Suscribirte por RSS a estes comentarios

Proxecto de investigación Nomes e Voces

Coñece a web do proxecto: un espazo deseñado para facilitar o acceso á investigación da Historia actual especializada en información sobre a guerra civil e a represión franquista en Galicia. Convidásmote a que coñezas o noso traballo e as nosas pescudas. http://nomesevoces.net
Nomes e voces