Crise no BNG e na UPG. Para o futuro: Gadis ou o BNG?

3 de Decembro, 2011, 11:44H · Temas: Actualidade, Notas, Política · Imprimir

Ningún momento do BNG foi máis decisivo que este. Aplaudo a Pérez Bouza e a quen vai nesa dirección valente. E, por certo, para sair adiante non será o millor porse a axustar contas dos últimos 30 anos, nin de Beiras, nin de Camilo, Quintana ou quen queiramos. Unha tentanción tan querida e que levaría ao nacionalismo á ruína histórica e á UPG, coma tantas veces dende hai 50 anos á xestión da ruina. A U hoxe fuxe da responsabiidade que ten e ten a responsbiildade que quixo ter: desputou dirixir en solitario o Bloque e agora ten toda a responsabilidade. E ven de hai tempo (vid. Santiago e Ferrol), e para facelo foi deixando cadáveres, como cando era un partido minoritario nos 70/80 e sen responsabilidades, pero agora os cadáveres son lexión e isto vai camiño de ser un cementerio.

O BNG xa gobernou – a UPG tamén, xaora!- e ten que aspirar a volver facelo. Iso é o que quere a xente. Quere ter unha organización útil como no pasado, que a defenda da crise, que o una nu proxecto de futuro nacional, que faga avanzar o país, que nos faga sentir o orgullo de sermos galegos -cousa na que agora parece ter sido substituída por Gadis. De que xente se trata , de quen a levou a onde o chegou ? Se non é util a eses 400.000 votantes que tivo e aspira a mais o BNG non será útil. E se os perde mesmo cara a abstención é porque xa non o ven útil. É tan dificil de entender?

Por que abandonan os votantes ata un chan que non baixa máis polo de agora pero dende un teito ao que custará voltar? Esa é a pregunta que se plantexa Pérez Bouza pero tamén Pita en Ferrol e non sei se Rei en Pontedeume, puidera ser, pero o hermetismo (agora máis parecido á omertá) por muito que pensen que é lealdade, non deixa ver máis. A lealdade, por certo, é co país e en política coa xente, non coa organización cando non é útil. E hai que esar mui cegos ou perdios na retórica vangardista para non ver a perda de utilidade que a xente, o pobo, as clases populares, as traballadoras, os galegos e as galegas, ven e demostran cara o BNG.

Teito e solo. O BNG coñece o teito pero non o solo. Parece andar polo 11% pero só se manterá aí se despois da asemble anon se produce a dssbandada, abandono, desafección de centos de afiliados e cargos como o propio Pérez Bouza, Tereixa Táboa e tantos máis,, con cargos ou sen cargos, cadros ou afiliados. Como aconteza iso o 8% será todo un logro para quen fique aí. Sábeno tamén na UPG, parvos non son, pero por algunha razón seguen na dirección incorrecta, persistindo no erro e defendéndose a si mesmos e a súa posición. Cantos o saben e que están dispostos a facer non o sabe ninguén pero o de Ferrol amosa que poden seguir o mesmo camiño na U que no BNG: marchar para a casa. Reaccionarán na U? pensar saben facer política tamén pero ou teñen dificultades ou non saben rebelarse contra as súas propias inercias, carautas e tarmpantoxos. Ata os pensadores católicos recomendaron a rebelión, o tiranicidio e o rexicidio contra o mal goberno… no renacemento eran máis avanzados políticamente que agora, ao que se ve,….

E logo está a historia dos éxitos e a súa xestión. De crer á U e aos que acreditan nela… todo se debe a eles por iso agora están entre salvando ao BNG e cobrando os réditos do seu traballo. Foron un aparato competente e souberon facelo ben para o BNG. Hoxe é imposible decir o mesmo. o seu relato glorioso e autocompracente (“sen a U non habería BNG, din tantos amigos) esquecen a lóxica da cooperación, da xenerosidade e da intelixencia de tantos patriotas e tantas organización que confluiron no BNG: Inzar, PNG déronlle a victoria ao BNg no nacionalismo e o grupo parlamentar e co PSG-EG, só despois desta última integración, chegaron os deputados en MAdrid, a subida exponencial no parlamento galego e o eurodeputado. E a U foi xestioniando e dixerindo esos éxitos ao seu favor sempre coa xenerosidade dos demais ata que entrou en pánico -cando o goberno e despois del sobre todo- e dicidíu asumir todo o control, do aparato, das listas e do aires para respirar.

Xenerosidade e cooperación de organizacións e tamén de persoas. A agudeza política de Beiras e o seu proxecto común, a súa capacidade de representar a nación posible; a solidez programática e xenerosidade democrática de Camilo e a súa capacidade para abrirse á sociedade como nacionalista, que continuou co pragamatismo de experimentado alcalde de Quintana, coa aposta patriótica de González Mariñas, coa intelixencia e a entrega de Suso Veiga para construir a esquerda en Galicia, e de muitísimos/as máis, importantes, coñecidos, descoñecidos….

A crise é un momento seminal, un punto de partida máis que un punto final. Marx explicouno e o marxismo aproveitouno na acción ao longo de 150 anos. Queda pouco para reaccionar con patriotismo e xenerosidade. O presente de crise e un futuro ben incerto vai obrigar a ellixir, Teremos que elixir entre vivir como galegos de Gadis -que non está mal- ou como galegos de Castelao. Se non fose polo nacionalismo non existiría ese anuncio que tanto gusta a todo o mundo. A política e a propaganda poden enganar e autoenganarse na procura de votos, mesmo poden desprecialos por non concienciados (dito por un deputado dende o atril na última asamblea nacional) pero a publicidade non engana porque busca mercados para vender productos. Enganarse é un luxo que non se poden permitir: viven do que venden e venden país porque o hai. Os que cobran do país e da organización, os políticos profesionais, son os que se poden autoenganar. Os que se están enganando. Tamén os que seguen axustándose vellas contas cando o país xa non está en 1980 e dúas xeracións non saben -NPI- de que falan. Necesitamos que reaccionen, sexan da U, da M ou do farrapo de gaita. Que reaccionen xa se cren o que din. O futuro será duro con eles se non o fan. Muito. Serán materia de erudición baleira de seminarios especializados onde se explicará “cando se fodeu Galicia!” (Antón Vargas, dixit)

Tags: , , , ,

1 comentario → Deixa un comentario

  1. 1 Anonima Decembro 5th, 2011 0:29H

    Excelente artigo, gústame especialmente o do galeguismo do Gadis que algúns reivindican como se descubriran América e en realidade solo son un conxunto de tópicos ben aderezados, tal cual, vén facendo o BNG ultimamente, valerse dos tópicos e non profundizar na realidade que nos rodea.
    Saúdos

Deixa un comentario

O teu email non será publicado. A imaxe nos teus comentarios collea de Gravatar
Inclúe http://
Nota: algo de XHTML está permitido.

Suscribirte por RSS a estes comentarios

Proxecto de investigación Nomes e Voces

Coñece a web do proxecto: un espazo deseñado para facilitar o acceso á investigación da Historia actual especializada en información sobre a guerra civil e a represión franquista en Galicia. Convidásmote a que coñezas o noso traballo e as nosas pescudas. http://nomesevoces.net
Nomes e voces