¿Acabouse o impulso da transición?

29 de Maio, 2011, 22:45H · Temas: Actualidade, Artigos, Política · Imprimir

N os últimos tempos hai indicios de que o impulso fundacional da transición está a rematar. Consensos básicos entre os partidos, a idea mesma de como se exerce a representación política, de cal que é o rol dos políticos e o dos cidadáns ou mesmo a propia estrutura de partidos, parecen empezar a estar en cuestión. A lenta fin de ETA estaría na mesma liña. A mobilización das prazas evidentemente é minoritaria pero significativa do que pensan e expresan núcleos de cidadáns activos e interesados na política. Neste momento é un sinal máis de que se esgota o modelo creado na transición. Trinta anos son moitos e os trinta e cinco transcorridos dende o inicio da reforma política que fraguou este presente son demasiados para que non se produzan mudanzas polo simple paso do tempo, a incorporación de dúas novas xeracións á vida social máis a conxuntura dunha crise que o remexe todo. Isto que está pasando nunca pasou e os novos comportamentos dos indignados poden anunciar algo novo aínda que non temos nin idea de que pode ser.

Da transición fica en cambio, nesta reacción das prazas, unha memoria duradeira e aceptada: a da mobilización como instrumento para mudar as cousas. Unha memoria e un repertorio da acción que xa non se identifica só coa esquerda. A acción da ocupación das prazas é máis recente e está vinculado á defensa dos valores democráticos e os dereitos humanos. Vímolo este ano nos países árabes, pero ven da praza Wenceslao de Praga ou de Tiananmen en Beijin en 1989 e, se imos máis atrás, das nais da praza de Maio na Arxentina. Ese é o imaxinario dos que ocupan as prazas, ademais do 68 e as mobilizacións da transición á democracia na que foron educados por seus país. Aos que por certo parecen recoñecerlle menos autoridade que aos avós, auténticos líderes intelectuais desta mobilización. Outra novidade, pois é que os vellos tamén teñen un papel neste asunto. E non só aquí. Parte dos promotores do Foro Social Mundial están por riba dos 70 anos.

O resultado das eleccións non nega este diagnóstico senón que o confirma. Os descontentos co sistema bipartidista, coa corrupción, co hermetismo do sistema político son sobre todo mozos cos que o sistema non se identifica. O cabreo dos cidadáns interesados na política pero alonxados dela polos profesionais da política manifestouse o día 22. Pode que iso limitase algo aínda o triunfo do PP e favorecese unha tímida pluralización coa irrupción de forzas minoritarias novas e vellas en todo o Estado, de UPyD a Bildu. Tamén IU subiu aínda que apenas puido capitalizar o descontento co PSOE, igual que un BNG que presentou a súa fasquía máis sindical contra a crise.

O voto nulo, o voto en branco subiron nas cidades e apareceron un feixe de opcións novas que non acadaron representación. E tamén triunfaron formas novas de facer política? e nalgunhas vilas alcaldes mozos lograron maiorías absolutas e que votara o 75%. Cos votos nas eleccións, como nas prazas, non sabemos ben que pasa pero si sabemos por que pasa.

Tags: , ,

Deixa un comentario

O teu email non será publicado. A imaxe nos teus comentarios collea de Gravatar
Inclúe http://
Nota: algo de XHTML está permitido.

Suscribirte por RSS a estes comentarios

Proxecto de investigación Nomes e Voces

Coñece a web do proxecto: un espazo deseñado para facilitar o acceso á investigación da Historia actual especializada en información sobre a guerra civil e a represión franquista en Galicia. Convidásmote a que coñezas o noso traballo e as nosas pescudas. http://nomesevoces.net
Nomes e voces