Que hai de novo na Historia dos países árabes?

8 de Abril, 2011, 14:48H · Temas: Artigos, Historia · Imprimir

Pode que teñamos que ser os historiadores quen nos empeñemos en amosar que hai de novo no presente, vistas as reaccións políticas e o debate público ao que asistimos a propósito da onda democratizadora que percorre os países árabes. Tendemos a coñecer a nosa pequena historia e descoñecer a deles, pero só dende a compresión do pasado liberador e mobilizador desas sociedades poderemos entender o que pasa e, sobre todo, ilustrar o que podemos facer, dende as nosas sociedades occidentais, democráticas, benestantes e benpensantes, para non entorpecer a construción das súas democracias. Sempre que un presente imprevisto nos asombra botamos man do pasado e decote as respostas son vellas de máis.

Nestes días todas as reaccións respecto da resolución 1973 da ONU para a intervención en Libia están condicionadas polo que sabemos do pasado sen reparar en que hai realmente de novo no que está a acontecer nos países árabes, do Atlántico ao mar Caspio. É certo que asistimos a unha continuidade do vello grande xogo inaugurado polo Imperio británico, agora arredor do petróleo e o gas; tamén son coñecidas as ansias imperiais e as necesidades neocolonais das economías occidentais, e sobran antecedentes -por acción e omisión- para teimar sobre as dúbidas da intervención promovida pola ONU. Pero entre tantas seguridades ditadas polo que cremos saber do pasado hai moitas cousas novas, moita necesidade de observar ese pasado con outros ollos para entender o que acontece. Novas foron a revolución democrática tunesina e a exipcia nas súas formas e na súa -provisoria- resolución. Foi asombroso o rápido triunfo dos demócratas contra as ditaduras que sufrían e que semella que acabamos de descubrir. Pero non son tan novas as ansias democráticas destes países, que xa tiveron constitucións liberais no século XIX e que viron repetidamente freadas esas ansias dende Occidente en alianza coas súas elites locais por intereses económicos e estratéxicos: o último, facer de tapón á inmigración e seguir subministrando petróleo barato, asunto no que axudou a pantasma do islamismo ubicuo.

Tampouco eran novas as ansias de democracia no Estado español hai trinta e cinco anos, por moito que, despois de corenta de ditadura, houbera voces internas e externas que alertaran sobre a nosa falta de preparación para a democracia. Outras voces, dende olladas coloniais, vinculaban a situación política ditatorial ao atraso atávico propio dun país de campesiños e nobres, dominado pola relixión e a ignorancia. Así eramos retratados e así ven moitos aos países árabes que claman pola democracia. Eles vense como nos viamos nós: desexosos de ter o que teñen os demais e preparados para logralo. Esta revolta non nace do atraso senón do progreso, non da ignorancia senón do coñecemento, da conciencia de inxustiza e do rexeitamento da corrupción, de saber que nada os fai diferentes ás sociedades da outra banda do Mediterráneo. Nestes días, o pasado tamén é o amargo recordo, como dixo Ed Miliban no Parlamento británico, de que as democracias europeas non axudaron á República española en 1936. ¿Por que lle viría iso á cabeza?

Tags:

Deixa un comentario

O teu email non será publicado. A imaxe nos teus comentarios collea de Gravatar
Inclúe http://
Nota: algo de XHTML está permitido.

Suscribirte por RSS a estes comentarios

Proxecto de investigación Nomes e Voces

Coñece a web do proxecto: un espazo deseñado para facilitar o acceso á investigación da Historia actual especializada en información sobre a guerra civil e a represión franquista en Galicia. Convidásmote a que coñezas o noso traballo e as nosas pescudas. http://nomesevoces.net
Nomes e voces