10 Feb 2017

Errejón e a vella esquerda: as peores tradicións contra a innovación

20:38H

Errejón e a vella esquerda

Un partido dentro do partido, fraccionalismo, desviacionismo, partido de maiorías ou de vangardas, supremacía das institucións ou da mobilización social, lembra á vella esquerda do século pasado. Mesmo do anterior, cando a disputa se centraba no valor mesmo da democracia representativa. Por baixo dese modelo aínda hai outro moito máis antigo e duradeiro: o clásico do César e o neoclásico de Napoléon. Semella que Errejón está máis liberado deses modelos que Iglesias, mesmo está obstinadamente empeñado en superalos: non quere ser Bruto e matar a César, pero tampouco quere ser o Danton guillotinado por Robespierre. Tamén demostra coñecer a famosa frase de Saint Just: «A revolución está conxelada», e que isto é o que lle está pasando a Podemos; e outra aínda mais elocuente: «As revolucións a medias non conseguen máis que a tumba».

Os que veñen da esquerda clásica, aí Monedero e Monereo compiten en vellez, cando miran a Errejón, e o que fai e propón, seguro que discuten se é mais atinado comparalo con Trotsky ou con Kautsky, competindo como Pepito Grilo en coñecementos sobre xenealoxía da esquerda para definir que tratamento deben aplicarlle. Asunto que a Errejón debe importarlle moi pouco se non fora porque explica en parte como se están comportando con el. Ou sexa, por que empezan a tratalo como inimigo a bater en vez de como un compañeiro que opina diferente. Se os soños da razón poden producir monstros, os da esquerda ás veces producen estas cousas.

Se o tratan como a Trotsky repetirán o modelo do estalinismo, o peor dos posibles: o do traidor. Unha pauta tan persistente e profunda que seguiu usándose para algunhas purgas -por exemplo, no PCE- décadas despois da desestalinización. Se o tratan como a Kautsky, repetirán o modelo do leninismo, algo máis benévolo: o do renegado ou oportunista. Tamén pode ocorrer que a maioría dos inscritos en Podemos descoñezan ou mesmo desprecen esa vella e pouco edificante historia da esquerda. Mesmo que Iglesias se relea a si mesmo e recupere o chip perdido. Pero a sombra dos modelos do pasado e das pautas aprendidas é moi longa. Veremos. En todo caso Kautsky e o austromarxismo tiñan razón, unha razón menos heroica e menos épica que a do calvo xenial pero máis avalada polo paso do tempo: a ditadura -mesmo a do proletariado- era incompatible co socialismo e a democracia era un ben en si mesmo.

 

 

 

Tags: , ,

07 Feb 2017

Trump e a democracia: leccións norteamericanas

19:38H

Trump gañou as elección. Converterase en Presidente esta semana e algúns dirán que é un fallo da democracia americana ou da democracia en si. Outros insisten, penso que con razón, en que non gañou Trump senón que perdeu Clinton porque non logrou convencer aos votantes demócratas, fronte ao entusiasmo co que o seu contrincante inflamou aos republicanos. No mundo moderno (contemporáneo chamamos aquí) na lóxica liberal e democrática e tamén na revolucionaria (a francesa primeiro, a soviética despois) conquistar o poder consiste en convencer mellor aos potenciais partidarios sen preocuparse moito dos alleos, sen intentar asumir o seu programa, nin preocuparse moito sequera de empatar con eles antes de lograr o poder. Consiste en lograr a máxima adhesión posible dos que están dispostos a apoiar o teu campo e entusiasmalos dabondo para conseguir o seu apoio. Así gañou Trump e perdeu Clinton: convencendo a mais dos seus. Así gañoulles Obama primeiro a McCain e logo Romney.

O modelo das eleccións presidenciais norteamericanas permite entendelo e o resultado das últimas permiten explicalo. Permite entendelo porque o modelo ianqui que reúne ambas tradicións, a revolucionaria na súa versión máis precoz da revolución democrática e a tradición do sistema liberal-democrático que se desenvolve despois da revolución orixinal e que tivo por obxectivo principal evitar outra revolución. Por iso estes días Obama insiste no éxito de levaren dous séculos sendo quen de traspasar pacificamente o poder dun modelo e dun modo de ver o mundo a outro moi distinto cada catro ou oito anos –agás cando a súa guerra civil-. Unha tradición revolucionaria que mesmo puido atreverse a presentarse como conservadora con Reagan, mudando o significado da palabra revolución.

Dirán uns que esta é unha versión inxenua da democracia. Pero foi así como as Mareas ou Podemos lograron irromper nun sistema político bloqueado (en dous bloques). Dirán outros que nada ten que ver tampouco a dinámica da revolución socialista do século XX con a idea de lograr o poder mobilizando aos propios. Pero ambas as dúas vías contemporáneas –a revolucionaria e a sistémica democrática- son inclusivas de maiorías, aínda que poidan desviarse, fracasar ou seren derrubadas. Traballan ambas para construír maiorías, no estilo anglosaxón e americano coa lóxica de fractura en dous bandos: whigs e tories, demócratas e republicanos, brancos e colorados. Vermellos e brancos na versión revolucionaria soviética. Na Europa continental a pauta foi de pluralidade fragmentada pero partindo da clásica fractura da Asemblea revolucionaria francesa entre dereita e esquerda.

Foi no modelo continental europeo da posguerra, cando se achegaron uns aos programas dos outros mesmo antes das eleccións. Pero na tendencia secular da democracia como sistema quen convencen a mais dos seus gaña as eleccións e aceptando o perdedor o resultado o sistema funciona e se reproduce. A iso volvemos. Mais alá –no fondo- están estruturas e aparatos de poder, mecanismos cotiás, instrumentos de manipulación. Quen volva dicir que Hitler gañou nas urnas volverá mentir. A democracia permitiu cambios revolucionarios a quen soubo facelos logrando o apoio dunha maioría que non son nunca todos. Por sorte.

Tags: ,

07 Mar 2016

No mar do cabo do mundo

0:34H

O nacionalismo galego está na transición propia deste tempo de crise e mudanza que vivimos. A marea foi subindo aos poucos ate cubrir case toda a praia na que mariscaba. Hai un tipo de nacionalismo que está movéndose arredor de si polo penedo de granito ao que gateñou mentres subía a marea. Non quere mollarse nin tampouco subirse a un bote para seguir apañando ameixas, berberechos e longueiróns electorais. Prefire seguir vivindo do que xa leva collido, aínda a risco de que o concheiro de cáscaras acabe ocupando máis que o depósito comestible. Esta fin de semana reafirmáronse no seu penedo, pois sabendo que a marea ha baixar confían en que cando se retiren as augas poidan estenderse de novo pola enorme lousa de cuarcita galeguista que agora aínda está cuberta pola mar.

Do penedo granítico veñen de marchar, remando nunha gamela, os restos que aínda quedaban do que hai uns anos fora a agrupación +BNG e despois +Galiza. Aquela aposta por refundar o BNG sen lindeiros de siglas nin dirixencias paralelas –previas-, parécese moito ao que os agora derrotados no Palexco –incluído o voceiro saínte- reclaman con tanta amarga contundencia como evidente retraso. No 2012 en Amio dirimíuse xa esa cuestión na organización que dende antonte lidera a UPG en solitario; a que volveu confundir o nacionalismo -e aínda o país- con eles mesmos, nun reducionismo que ameaza con apedrar o mellor da súa obra: a gran capacidade para facer política de resistencia. Na principais votacións do Palexco, a do relatorio político e a de elección da executiva participaron arredor de 1300 afiliados. Éche o que hai. A gamela que parte agora leva rumbo definido, pero a dúbida segue sendo se embarcarán eses alcaldes, alcaldesas e grupos municipais que son os mellores mariñeiros e mariscadores do penedo.

Os outros nacionalistas están esfrangullados nun feixe de botes, pero navegando neste cabo do mundo e ao cabo do que no mundo está a pasar; uns van nunha dorna a vela, outros en chalanas salvavidas, algúns nadando ao xeito para non bater na resaca contra o penedo de granito. Moitos mariscan a pe sen perigo ningún. Hai navallas, ameixas e croques de sobra. As mareas electorais, deron para varios barcos diferentes despois do éxito de hai catro anos nas autonómicas. Agora están dubidando que nome pórlle aos barcos e en que lingua. Nos meses vindeiros terán que decidir se están en marea ou están na marea, que non vos ven sendo o mesmo. Se están en marea irán onde ela os leve; se están na marea saben que é o que están a apañar e para que serve.

Todos os botes e as lanchas da marea están agora abarloadas agardando –algúns temendo- que cheguen máis embarcacións. As mariscadoras que traballan coa auga polas coxas saben que hai marisco para todos. Aínda os bañistas e os surfeiros están dispostos a axudar, porque do que agora se trata xa non é da apañar marisco e ir vendelo á lonxa senón de coller máis que a flota da competencia e usar a ganancia para mercar a fábrica de conservas en terra firme e poder botar esa dirección explotadora, pouco competente e señoritinga que está a arruinala. Interesa a todos porque sen fábrica, de que han vivir os nosos fillos? Sábeno ben quen se manifestaron o sábado.

Tags: , , , ,

19 Feb 2016

O futuro que ten o BNG

9:53H

Futuro do nacionalismo e futuro do BNG son dúas cousas diferentes dende hai xa unha chea de tempo. Esta evidencia parece ser unha das primeiras que están a asumirse no proceso asembleario que está en marcha nesa organización. Non é un asunto menor, aínda que dende fóra a moitos pareza obvio, porque supón abandonar a idea do frontismo. Esa idea que pulou ao BNG actual dende a asemblea de Riazor e que permitiu xerar a idea de que só podía haber un nacionalismo en Galicia unido nunha única organización, ven de moi atrás. No triunfo desa idea baseouse a evolución do nacionalismo organizado en Galicia nas últimas catro décadas e favoreceu a hexemonía da UPG como motor e xestor dos exitosos procesos de unidade que levaron ao goberno bipartito de 2005. Asumir a evidencia de que hai nacionalistas en organizacións diferentes ao BNG ou que o BNG pode aliarse con outros supón asumir a pluralidade organizativa e non só ideolóxica do nacionalismo. Iso semella ser o que está en discusión no BNG entre os partidarios de refundar e tentar pactar cara as vindeiras eleccións unha coalición e quen prefiren presentarse as eleccións e adiar a refundación ao ano vindeiro, cando baixe a marea.

Supoñendo que esteamos a vivir a fin do frontismo como fórmula organizativa e como proposta política estratéxica, é bo momento para preguntarse por que tivo tanto éxito no sistema político galego. Entre outras moitas razóns, foi un éxito xeracional daqueles mozos nacidos entre 1936 e 1946 que se situaban con forza nas novas ideas da esquerda intelectual arredor de 1970 e por esta vía, enlazando co que entenderon que debía ser a herdanza do galeguismo, construíron unha proposta nova e moderna á altura daqueles tempos. Como antifranquistas rachaban coa xeración da guerra e co PCE e como nacionalistas rachaban co que denominaron piñeirismo. Piñeiro e os seus compañeiros das mocidades galeguistas da preguerra deseñaran dende comezos da década de 1960 un PSG (Fernández del Riego) e un PPG (Illa Couto) homologables respectivamente ao socialismo e á democracia cristiá europea. Pero a nova mocidade elixiu o seu propio camiño. Foi una ruptura xeracional canónica que intentou enlazar co herdanza dun PG desaparecido no exilio, como todos os partidos da República –menos o PCE e o PNV-, cando na década de 1950 a ditadura se consolidou definitivamente no interior.

O frontismo foi a vía da UPG para hexemonizar o nacionalismo e logrouno despois dunha década de disputas cos que, como Camilo Nogueira, entendían que aquela estratexia que servira nos países do terceiro mundo non podía ter éxito na Europa dos anos oitenta. As eleccións dirimiron a disputa a prol do BNG. Pero á vista da súa recente evolución diríamos que o éxito do frontismo contiña tamén os seus límites. Pola existencia de partidos e colectivos con posicións asimétricas de poder, o que deriva –segundo algúns- en tomas de decisión previas ás da executiva do BNG e as súas asembleas; tamén pola incapacidade para converter a vella fronte nunha moderna coalición que identificase aos grupos que a compoñen con regras claras e idénticas. A fronte tiña sentido cun partido dirixente pero deixa de telo cando os cidadáns e os afiliados reclaman xa a supresión dos partidos dentro da organización.

Tags: , , ,

15 Feb 2016

O nacionalismo galego en redefinición

19:47H

O galeguismo nacionalista, entendido como pensar o mundo dende Galicia, aspirar a gobernarnos nos mesmos co máximo nivel de autogoberno posible e lograr o máximo nivel de benestar e igualdade das maiorías sociais, está en redefinición. O proceso empezou no ano 2012 pero unha parte dos sectores que viñan sendo referentes política e sindicalmente só agora, despois dos resultados destas eleccións, deron en reparar que as novas formas de intervención política, de relacións da cidadanía coa política e as mudanzas nas preferencias sociais, están para que darse. Esta conxuntura non é unha curta suspensión do tempo pasado senón un longo gonzo entre dous tempos diferentes. O que toca nunha sociedade plural despois de catro décadas. No nacionalismo como en toda a sociedade moitos constataran a evidencia do cambio como unha molestia incómoda e pasaxeira pero sen entendelo e só agora empezan a pensalo e intentar reaccionar. Para que a reacción sexa realmente estratéxica os actores teñen que asumir a profundidade da mudanza pero algúns sectores do nacionalismo xa demostraron a incapacidade para facelo.

O asunto é paradoxal porque o nacionalismo galego é compoñente central dos cambios políticos que están a producirse no conxunto do Estado. De feito o cambio organizativo e de alianzas empezou a manifestarse precisamente nas eleccións galegas de 2012 co proceso e os resultados de AGE, antes da aparición de Podemos. Grupo que, como se ten repetido, aprendeu naquelas eleccións as virtudes da agregación acumulativa de forzas, as posibilidades de entrar con éxito no sistema electoral e as oportunidades reais de materializar unha ruptura política, que copia e pon en práctica nas eleccións europeas de 2014.

O nacionalismo ten que afrontar as realidades que lle esixen modificar o seu programa e a súa práctica: a idea do atraso xa non se acomoda ás nosas vidas, o modelo de normalización lingüística foi un fracaso no que xa só cren os extremos, o criterio filolóxico non serve –nunca valeu- para facer política nin para entender resultados electorais, o frontismo é unha rémora organizativa xa criticada nos anos 80 polo PSG-EG que non ten sentido nunha sociedade plural e democrática. O discurso do nacionalismo ten que redefinirse e reconstruírse para desfacerse de totems que son hoxe artefactos inservibles ou estorbos do pasado que os vellos protagonistas non logran arrumbar.

Que pasará agora coas organizacións do nacionalismo? A UPG resistirá en espera de tempos mellores porque está preparada teórica pero tamén instrumentalmente para facelo: domina organizacións sindicais, alcaldías importantes, tres vicepresidencias de deputacións. Posiblemente seguirá existindo dentro doutros corenta anos e tendo algúns deputados e alcaldías. Nos vindeiros meses irase redefinindo todo aquel BNG que en Amio marchou para non volver ao proxecto comun e que está repartido cando menos en tres grupos diferentes. Previsiblemente haberá ademais unha nova saída da parte do BNG que aínda aguantara alí dentro. Como é ben sabido –e nos últimos días repetido dende estes grupos- o único espazo posible de construción de algo novo é o creado por AGE que despois, con Podemos, xerou as exitosas Mareas. O que sexa o novo nacionalismo do futuro está aí e redefinirase dende aí. A boa noticia é que hai onde escoller.

Tags: , , ,

30 Dec 2013

Os malos tempos para a lírica

22:22H

Os malos tempos para a lírica

30 de decembro de 2013
O 2013 foi un ano de fitos que rematou coa morte dun grande do pop. Hai trinta anos que Germán Coppini e Golpes Baixos se vestiron de mulleriñas de pano na cabeza para a portada dun disco memorable da xeración que non votou a Constitución, da primeira que foi moderna sen complexos. Por iso titularon Santa Compaña aquel disco porque, como dixo Coppini, ollaban para si mesmos e o Vigo que tiñan arredor mentres a música madrileña non paraba de buscar refrendo anglosaxón «… por iso eramos os máis modernos de todos». Unha época de máis crise e paro que hoxe pero na que o futuro era tan próximo como posible. Eles foron os seus poetas. Só dez anos antes do disco de Golpes, en 1973, o golpe de Pinochet liquidou a esperanza democrática e socialista de Allende, marcando aquela xeración: precisamente o último disco de Coppini foi unha homenaxe a cantautores latinoamericanos, con V. Jara e V. Parra á cabeza.

Outro fito de modernidade galaica foi hai cen anos a fundación do Ribadeo F. C. Que nunha vila do Cantábrico galego poida celebrarse o centenario dun clube deportivo informa ben da fondura dos cambios duns bisavós capaces de ir cos tempos, porque contra o que poidan pensar non se trata dunha anécdota nin dunha reliquia.

Como tampouco é unha anécdota ?aínda que pasou máis desapercibida? que este ano se cumpriran os 90 da constitución do Seminario de Estudos Galegos, unha institución académica única e orixinal que vinculou ciencia, cultura, galeguismo e universidade e construíu unha interpretación deste país da que aínda seguimos vivindo e que dista de ser superada ou actualizada. Da pluma daqueles mozos saíu a concepción da historia, da política, da xeografía, da etnografía e da ciencia que aínda temos en Galicia.

Neste ano que se vai cumpríronse tamén 70 anos da vitoria de Stalingrado fronte aos nazis que mudou o curso da Segunda Guerra Mundial e da historia universal. Un fito decisivo na configuración do presente que evitou o triunfo do fascismo e o militarismo, lémbranos que a guerra ?mal que nos pese? seguiu sendo parteira da historia e demostra que a evolución da humanidade e da civilización non é unha marcha segura e inevitable cara o progreso dun mundo mellor. Só vinte anos antes, en 1923, cando Mussolini cumpría o primeiro ano do poder fascista en Italia, o capitán xeral de Barcelona, Miguel Primo de Rivera, reclámalle ao rei formar Goberno e pechar o Parlamento, rematando con nove décadas de parlamentarismo e dando comezo á primeira ditadura española do século XX. Sobre todo rematamos o centenario de 1913, un ano feliz nunha época de avances tecnolóxicos incribles, cando ninguén imaxinaba o que estaba a piques de suceder ao ano seguinte, a resultas dunha longa xeira de globalización, das necesidades enerxéticas da segunda onda da industrialización (a do motor de explosión, o triunfo da química e o anuncio da xenética) e do choque dos vellos imperios coas novas nacións e das vellas clases privilexiadas coas novas ansias de igualación de operarios e campesiños. Todo o noso presente empezou vai haber cen anos coa Primeira Guerra Mundial.

Tags: , , ,

25 Nov 2013

AÍNDA MÁIS

10:16H

Mañá empeza hoxe
(La Voz de Galicia 16 de noviembre de 2013)
Decepcionante, lamentable, inaceptable…, de todo escoitamos onte. A sentenza do Prestige é un asunto xurídico coas súas claves e posibilidades, pero admite outros puntos de vista. Desde agora mesmo xa empezan a competir por asentarse dúas memorias distintas do que pasou hai 11 anos: a dos mariñeiros que viven do mar e a dos irresponsables políticos que non-xestionaron o accidente. Os primeiros, decepcionados; os segundos, botando peito fóra para exonerarse manipulando unha sentenza que só di que non pode probar o seu delito. O accidente foi o último polo de agora dunha xeira de 50 anos de graves sinistros contaminantes de buques nas costas galegas e nas de todo o mundo. Temos con que comparar. Neste caso non hai responsables.

Dende o punto de vista ambiental é unha segunda catástrofe porque acepta a contaminación e convértea en inevitable. Para a navegación marítima é outra catástrofe a futuro porque confirma a posibilidade de que armadoras, clasificadoras e aseguradoras coloquen chatarra flotante como o Prestige destinada ao tráfico de mercadorías e persoas. No ciclo histórico dos accidentes deste tipo supón un retroceso respecto de procesos previos noutros tribunais galegos e internacionais. O conflito xurídico do Exxon Valdez afundido en Alaska (1989) durou 19 anos e o do Amoco Cádiz (Bretaña, 1978) non rematou ata 1993. A sentenza do Exxon (2008) limitou as indemnizacións por danos punitivos neste tipo de sinistros, despois de que a compañía pagara xa 3.500 millóns de dólares en indemnizacións vía procedementos xudiciais e arranxos extraxudiciais. Parece moito, pero ese mesmo ano obtivera uns beneficios de 40 miles de millóns de dólares. Los Angeles Times e outros xornais titularon entón que a sentenza defendía os intereses das grandes corporacións. A batalla xudicial previa no Tribunal Supremo estadounidense provocou unha fractura ideolóxica dos seus xuíces (5 a 3) a propósito do papel do poder lexislativo (Congreso) e o xudicial (T. S.) na determinación de danos. Unha disputa similar pero transnacional, entre tribunais norteamericanos e franceses, deuse no Amoco Cadiz.

O sistema xurídico forma parte do sistema político, condicionado pola ideoloxía e mediado por intereses económicos. A súa actuación pode ser ás veces ¡tantas veces na historia! máis allea ás demandas e necesidades sociais que ás determinacións e necesidades políticas. A vía penal elixida no caso do Prestige -compre analizar por que- xulgaba un capitán, un xefe de máquinas e un baixo cargo político pola súa actuación nunha catástrofe provocada por causas naturais pero amplificada pola xestión política da mesma. Nin os responsables políticos nin os económicos estaban alí, pero o sistema xudicial español poderá demostrar aínda -ou non- a súa capacidade de homologarse a si mesmo e a outros como o norteamericano e o francés para dar conta das responsabilidades das que aínda non deu conta neste caso.

Tags: ,

28 Xuñ 2013

O fracaso da Universidade privada en España

1:52H

N estes días en que se discute se un 5 é un 5 ou ten que ser un 6,5, desafiando todo o que estudamos, ao que estamos asistindo en realidade é a constatación do fracaso dos intentos por facer callar en España unha boa universidade privada, competitiva, de calidade docente e investigadora e atractiva para as familias. Un empeño despregado sen éxito nos últimos vinte anos e que a crise actual ven acabar de coutar por moito tempo. De aí o empeño en regular a pública ata extremos ridículos como o do 5 que, sendo xa hoxe 5,5 de mérito engadido, queren converter en 6,5 para acceder a unha bolsa.

Porque nas universidades privadas españolas, agás as dúas clásicas, nalgunhas das súas titulacións, tamén clásicas, só se gradúan os que non teñen outro remedio. A saber, os que non teñen a nota requirida para entrar nas universidades públicas na titulación desexada ou quen só precisan o título para acceder a un traballo que xa lles agarda cando empezan a carreira. ¿Non si? Xa que logo, compre determinar as condicións da pública e darlle unha nova volta. De aí os argumentos falaces repetidos como mantras: o máis común ese de que ningunha universidade española está entre as «mellores do mundo», que é cara para os resultados que da ou que compre pular a excelencia.

A esa constatación débese tamén o empeño de Wert e a súa cohorte en confundir os tres principios básicos: igualdade, mérito e capacidade, para quedarse só cos dous últimos. O clasismo do seu argumentario agocha en realidade unha derrota… a das universidades privadas, derrota no mercado que é onde máis lles doe aos paladíns do mercado libérrimo. A idea de que non todo o mundo pode estudar é sen embargo tan vella como o clasismo nas sociedades de clases contemporáneas, nas que o coñecemento é poder e unha vía de ascenso social que os de arriba non sempre queren partillar e menos cando hai menos que repartir. Ninguén nega xa que esta longa crise é estrutural e por iso ábrese un conflito para axustar as estruturas, tamén as sociais, cara o futuro.

Volvendo ao argumento central, o fracaso da universidade privada española é tan evidente que incluso comunidades do PP como Madrid (oito universidades privadas por seis públicas), aínda crearon universidades a discreción, a Rey Juan Carlos (1996) e, sobre todo, a Universidad a Distancia de Madrid (2006), que imparte 15 graos e 27 mestrados. Esta última, con estatuto privado e que nestes días desprega unha grande campaña publicitaria nos medios, é en si mesma proba da rendibilidade da educación. Por certo, que entre os organismos duplicados que a nova lei de reforma da Administración propón eliminar non cita universidades coma esta, clonada da UNED e ocupando o mesmo territorio virtual e presencial na capital do Estado. Dende 1876, o pasado está cheo de fracasos de políticos enfrontados á universidade. ¡Que pouco aprenden! Entre as preguntas que quedan no aire, ¿ulo situaremos o profesorado o aprobado, no 5 ou no 6,5?

28 Mar 2013

Recortar non é gobernar ou o misterio dos 3 millóns

0:34H

Recortar o gasto público, non gastar os recursos dispoñibles e non ter ningunha iniciativa para aumentar os ingresos -nin para ningunha outra cousa, por certo- permite agochar a falta de ideas con aparente dignidade. A ausencia total de política, substituída por administración coa desculpa da crise, permite facer pasar desapercibida a auténtica política, ditada por intereses particulares e aínda por prexuízos ideolóxicos dunha minoría. A pasada semana, os tribunais -que non a oposición- tombaron un gasto de 3 millóns de euros para 5 colexios privados (600.000 cada un) dunha agrupación confesional que segrega aos alumnos por sexo, de xeito contrario á lexislación vixente; a mesma cantidade que terá que recortar este ano a máis pequena das universidades galegas, a mesma que permitía a gratuidade dos libros de texto a todas as familias… Eses 3 millóns de euros son, sobre todo, moito máis do que se aforra coa redución da axuda aos comedores escolares que o conselleiro anunciara, dramaticamente, o día antes da sentenza do tribunal, como única solución para administrar a súa consellería porque «¡as contas non dan!». Iso é o que a administración da miseria oculta: unha miseria que non é.

Aínda por riba, o recorte quérese facer pasar por xustiza social en tempo difíciles: ¡que paguen os que teñen e non paguen os que non teñen! Isto leva a preguntarse para que os impostos e para que os gobernos. A demagoxia e o populismo fanse así pedagoxía depredadora, fomentando a ignorancia fiscal nun país onde a tributación nunca gozou de simpatías. Outros argumentos contables esgrimidos polo conselleiro é mellor esquecelos -tendo en conta que deu clases de Economía- porque dificilmente pasarán o exame do seu votante máis fiel e do seu alumno menos avantaxado. O asunto ten miga moral engadida nesta semana, agora que o novo xerarca da confesión á que pertencen os colexios subvencionados, a cambio de que un montón de nenos queden sen comedor, é presentado como un grande amigo dos pobres ata no nome escollido. Os beneficiarios da subvención impugnada non poderán rezar coas mans dereitas polo novo papa sen lembrar que a súa subvención deixa sen comedor a tantos nenos de familias desfavorecidas.

Gobernar empeza por saber que se quere facer, e segue por dicilo. Nos comezos do liberalismo gobernar era garantir a liberdade de comercio, de expresión, de traballo, de asociación, de culto, dende a igualdade xurídica. Aló de onde ben o novo papa, gobernar era poboar de europeos unha terra baleira. Despois, para os demócratas, gobernar foi reformar, en favor das maiorías, o agro, as relacións laborais ou a educación. Máis tarde, garantir o benestar social da maioría da sociedade converteuse no modelo de goberno occidental. Agora, nesta fin da historia, gobernar é administrar o que a hai e dar grazas polo que temos, mentres nos asustan coa fin do que fomos logrando. Gobernar é ocupar a Administración para que non a ocupen outros que, por certo, tampouco parecen nada dispostos a ocupala. (22 de marzo de 2013)

Tags: , ,

08 Mar 2013

Miña tía Esther e Hugo Chavez

0:13H

Miña tía Esther, venezolana que militara no MAS, cando lle preguntei por Chavez como esperanza, aló ao comezo, contestoume rotunda: militar e golpista non pode ser demócrata. Despois da súa experiencia estáselle recoñecendo que reducíu os niveis de pobreza e fixo entrar no xogo democrático a unha grande parte dos expulsados e ignorados polo sistema político. Rachou tamén cunha etapa corrupta. E, o máis importante, non prescindíu do pluripartidismo, por muito que mudara leis a conveniencia cunha maioría aplastante que sempre superaba o 50% que non poucas levouno a trucar a lóxica do sistema democrático. Enfrontouse si, aos medios de comunicación poderosos igual que as empresas e corporacións. E puxo a riqueza petroleira, ao servizo das súas políticas en troques de facelo ao servizo de elites extractivas ou da corrupción anterior. A experiencia plantexa problemas, solucións e contradicións sobre as que compre relfexionar. Como di NuñezSeixas no seu Fb, a estética alónxanos. Tamén hoxe Boris Izaguirre, venezolano de pro, coincidía nisto hoxe mesmo na SER. E eu tamén coincido, pero a estética non é a ética, aínda que as formas crean escola, e máis en democracia. Populismo, mesianismo, personalismo forman parte desa estética política pero tamén das claves do seu éxito, falou na linguaxe que lle entenderon e demostrouno nas urnas. O que menos pode aceptarse e o a limitación das libertades dos demais e da igualdade de oportunidades dos seus competidores políticos mediante o trucaxe do sistema institucional. A cuestión e se os desposuídos entrarán no sistema político, económico, cultual e social de vez ou non abondou o seu tempo de “revolúción”. Aí se medirá iso que chaman o seu legado. Da para reflexinar máis que para rezarlle como el acostumaba facer nunha lóxica por certo tan popular alí como extrana aquí. Non nos deixou indiferentes pero a min tampuco nunca me deixou convencido.

Tags: ,

 Page 1 of 4  1  2  3  4 »

Proxecto de investigación Nomes e Voces

Coñece a web do proxecto: un espazo deseñado para facilitar o acceso á investigación da Historia actual especializada en información sobre a guerra civil e a represión franquista en Galicia. Convidásmote a que coñezas o noso traballo e as nosas pescudas. http://nomesevoces.net
Nomes e voces